Os Papeis

Posted By: Xurxo M. Gago Chao - 15:28:00

Pasárase varias horas escribindo un texto no que expuña o seu descubrimento, unha nova forma alternativa para xerar enerxía eléctrica, un feito que podería ser vital para o futuro da humanidade. Despois de probar varias veces o seu invento converteuse nunha persoa autosuficiente e chegaba o momento de acudir a un encontro moi importante cunha persoa adiñeirada que sería o mecenas do proxecto, un proxecto que proporcionaría un adianto necesario para a humanidade. 

Anxo era un home de mediana idade, pero con aspecto de ser da terceira, debido ao seu descoidado aspecto por seren máis interesado no seu traballo que na súa propia hixiene persoal. Vivía nunha pequena oficina que facía tamén de taller e de vivenda. Por suposto, aquel local, era un barullo de cousas mal organizadas. Pero dentro de toda aquela desorganización había un certo orde que o protagonista tiña controlado e sabía a perfección onde se atopaba cada cosa a pesar do desorde xeneralizado reinante. Nese ambiente, estivo encerrado varios meses, ata que alcanzou o éxito na súa procura. Non tiña outro propósito que outorgar á humanidade o seu descubrimento para o beneficio de todos os seres humanos que poboan o planeta. 

Desexoso de espallar o seu invento se puxo en contacto cun amigo enxeñeiro e quedaron nunha cafetería da zona centro da cidade. Anxo levaba os seus oito papeis soltos, sen carpetas, escritos a bolígrafo azul por ambas caras, agarrábaos cunha man e deixándoos algo engurrados. Pero a el iso dáballe igual, era o de menos a presentación, o que importaba era o contido. E nesas estaba mentres se dirixía cara o centro camiñando pola beira da rúa, collendo atallos a súa maneira para chegar canto antes ao lugar de encontro.  

O seu amigo enxeñeiro estaba ao tanto de todo, sabía da importancia do achado de Anxo, quería axudalo, quería axudar a humanidade. El tiña a posibilidade de poder construír en masa aqueles xeradores de corrente e procuraría pór todo o que estivese nas súas mans para convertelo nunha realidade. 

Mentres camiñaba pensaba que non entendía como ata agora a humanidade non obtivera o progreso enerxético esperado, imaxinaba que os poderes fácticos traballaron a reo para impedir que así fora. Pensaba que el loitaría contracorrente contra todos os poderosos que quixesen arrebatarlle a súa achega ao progreso da raza humana. 

Pero xusto antes de entrar na cafetería onde acordaran a cita, unha muller empurrou a Anxo, en teoría sen malicia algunha, e este perdeu o equilibrio e foi caer ao chan coa mala sorte que os papeis que levaba apertados cunha man espalláronse polo ar e foron caer nunha fochanca cheíña de auga que proviña dun lavadoiro de coches improvisado por un veciño da urbanización acaroada á cafetería onde tiña pensado entrar antes do infortunado empurrón. 

Anxo, levantouse afundido, non puido despegar a vista da focha onde os papeis máis importantes da súa vida remataran empapados, case que destruídos na súa totalidade,  converténdose nunha pasta amorfa  e sen sentido. Por suposto, non tiña copia dos mesmos, a ilusión tras o seu descubrimento fíxolle chamar de inmediato ao seu amigo enxeñeiro e quedar con el para que este movese os fíos necesarios para sacalo adiante a maior brevidade posible, por ese afán, Anxo, non fixera copia das súas anotacións. Con todo, tras perdelas, perdíase tamén outra nova oportunidade para o progreso. Anxo ficaba desolado, chorando, sentado na beira da rúa, sostendo nas súas mans o que poucos minutos antes eran anotacións de vital importancia.

Arremuiñouse xunto a el un nutrido grupo de persoas, entre elas aquela muller inofensiva que chocara contra el e provocara que os seus papeis caeran xusto no único lugar con auga de toda a rúa. Aquela muller traballaba para uns servizos segredos, tan inocente ela, que logrou impedir que se chegase a formalizar aquel adianto tan vital para a humanidade, a autosuficiencia enerxética. A axente xa estivera na casa de Anxo revolvendo as súas pertenzas para roubarlle as ideas, pero Anxo era unha persoa moi desconfiada, por iso todo o importante sempre o levaba consigo, nas súas mans, polo que a espía non lle quedara outro remedio que provocar un pequeno empurrón para arrebatárllelos sen contar coa fochanca que terminou con destruílos. Para ela, ao final, obxectivo conseguido. 

Neste conto de ficción os poderes fácticos confabuláronse para desbotar calquera progreso que supoña perda de poder adquisitivo para as oligarquías enerxéticas mundiais. A saber cantos Anxos houbo no pasado que foron empurrados sen querer para evitar que o seus inventos ou descubrimentos beneficiase a todo o conxunto da humanidade e non só a uns poucos privilexiados.  

O certo é que Anxo debeu de facer copias …

 Relato Creado Por Xurxo M. Gago Chao

Tódo para o blog

Recente:

Ads

© Xurxo M. Gago Chao

Copyright © 2017 Recoñecemento- NonComercial-SenObraDerivada 2.5 España

Blogger Templates Designed by Templatezy