O Noso Sinus Artabrorum

Posted By: Xurxo M. Gago Chao - 18:40:00

Vender como progreso a gran industria no medio dunha ría poboada é hipocrisía. Querer gabar a historia dunha cidade porque durante centos de anos fose utilizada para a construción naval, é hipocrisía. Non querer ver outras vías de progreso que non sexa a construción naval, é hipocrisía. Querer manter unha regasificadora nunha ría, poñendo en perigo a un amplo núcleo de poboación ao seu redor, poñendo de escusa a perda de sesenta e cinco postos de traballo contra un núcleo de poboación de máis de oitenta mil persoas, é hipocrisía. E niso estamos, rodeados de hipocrisía. 

Hoxe en día os hipócritas afirman que é progreso facer barcos de guerra nos estaleiros ferroláns, venden como progreso e carga de traballo unha encarga de barcos para Arabia, por exemplo. [Modo retranca ON: un país exemplar, que ten cartos, que vai utilizar eses buques para manter a paz no mundo. Modo Retranca OFF.] Os hipócritas venden como progreso horas de traballo e soldos para moitos obreiros poñendo por diante isto a calquera circunstancia negativa que afecte á sociedade, hipocritamente o importante é a carga de traballo e non para quen se traballe, nin de onde veñan os cartos. Iso chámase egoísmo, egoísmo hipócrita. 

Os hipócritas non dan pé a outras alternativas para o futuro ferrolán, facer buques e buques, buques militares, especialidade da empresa. Buques dos que lanzan mísiles e matan xente, xente que comeza a morrer e a ter data de caducidade dende o primeiro momento no que se entregan. Buques e cartos; cartos e buques, buques, cartos e carga de traballo, buques, cartos, carga de traballo, xogos de guerra, mortes, todo igual a hipocrisía.

Os hipócritas venden como progreso estaleiros para a construción de buques de guerra na nosa ría ferrolá; no Sinus Artabrorum, no golfo ártabro, un lugar con vestixios do progreso de antano como a desleixada Vila de Noville. En Noville, na ría ferrolá, durante os séculos III e IV houbera progreso. Houbo progreso na ría ferrolá moitísimo antes dos impostos estaleiros dos reis españois, quen secuestraron a nosa ría para o comezo das súas guerras imperialistas séculos despois. A ría ferrolá era un verxel moito antes de que esta acollese aos estaleiros reais, a ría ferrolá era unha ría naturalmente depurada, un viveiro de marisco e peixe, un paraíso para os habitantes que poboaban os seus redores. Antes da chegada dos impostos estaleiros imaxino Ferrol como unha pequena aldea dependente de si mesma e chea de recursos aos que recorrer en caso de necesidade. Imaxino unhas augas limpas e libres de metais pesados e de plásticos. Imaxino á xente do lugar saíndo ao mar en pequenas embarcacións improvisadas de madeira, imaxino tráfico de pequenas embarcacións cruzando de banda a banda a ría. Toda aquela abundancia; todo aquela tranquilidade de vila pequena, comezou a minguar no momento da chegada dos ilustres iluminados do centro da península ibérica, tan doutos e intelixentes eles, tan inxenuas as xentes ferrolás da época, por prestárense a seren usadas como man de obra barata. Hoxe en día continua a ser así. Segundo afirman algúns interesados historiadores, os habitantes da zona deberan dar as grazas de que a ría ferrolá fose elixida como base naval e como berce dos buques da armada española. [Modo retranca ON]: Quizais deberiamos darlle as grazas a aqueles reis, nobres e militares  iluminados por contribuír, permitir e consolidar, a contaminación durante tantos anos e séculos da nosa ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas por non permitir outro progreso que a creación de buques para guerras coa escusa da defensa da patria. Quizais deberiamos darlles as grazas, por exemplo, ¿por matar xente outrora en nome de España con buques feitos en Ferrol?, ¿por ser Ferrol unha base naval da OTAN co perigo colateral que pode supoñer para a cidade en caso de conflito?, ¿por depender de Madrid a clase obreira ferrolá? Deberiamos dar as grazas por non poder aproveitar todos os recursos que ofrece unha ría limpa, depurada, libre de vertidos e metais pesados? Quizais, todos os ferroláns e as ferrolás, deberiamos darlle as grazas a esta xente imperialista por facer da nosa cidade o berce de onde partiron moitos buques para dar morte a xente inocente. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por encher de metais pesados as nosas augas durante séculos e por botar millóns de vertidos ás augas da nosa ría, por contaminar as nosas augas e ás especies que nelas viven. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por contaminar o marisco e o peixe da nosa ría e darlles as grazas por toda aquela persoa que enferma co tempo por consumir produtos contaminados da ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas a todos aqueles que con moitos enredos presuntamente corruptos conseguiron instalar unha regasificadora no medio da nosa ría e por proporcionar emprego a máis de sesenta persoas e poñer en certo e razoable perigo a outras oitenta mil. Quizais deberiamos dar as grazas a todos os buques militares que pasaron pola ría de Ferrol e a todos os que a ría ten coma inquilinos na base naval ferrolá, quizais deberiamos darlles as grazas a todos eles por verter merda ao mar da nosa ría durante moitísimo tempo; quizais, tamén, deberiamos dar as grazas aos militares que se cren donos dela en todos os sentidos. Quizais deberiamos darlle as grazas a todas as autoridades que mostran desleixo cara a depuración da ría e cara a un verdadeiro control de vertidos na mesma. Quizais deberiamos comer merda que está máis fresca! [Modo retranca OFF].



Considero de vital importancia para o futuro de Ferrol a finalización da construción naval de buques de guerra na ría, deberíase abrir á empresa nacional cara ao progreso da produción e da innovación limpa, camiñar cara a autosuficiencia enerxética do planeta, procurando novos mercados e novas producións innovadoras que permitan aumentar o emprego entre os habitantes de Ferrol. O caso é querer, o caso é que Ferrol queira e decida por si mesma, sen deixar que decidan os dos uniformes, os do centro, os dos xogos de guerra, os que teñen secuestrada a nosa ría para que non progrese. E o caso é que esperten os peóns que non queren ver outra alternativa que a de facer os buques de guerra que lles mandan sen mollarse a esixir novas alternativas, outras cargas de traballo. Cargas de traballo si, pero, ¿que carga?, ¿para que?, ¿de quen?, ¿que progreso trae a cidade?, ¿cartos tan só?, ¿meses de subsistencia quizais?, ¿e logo?, ¿máis buques?, ¿máis guerras?, ¿máis mortes?, ¿máis manifestacións para novas carga de traballo? Máis contaminación para a ría? E o progreso? Onde está?

Considero vital afastar a regasificadora do núcleo de poboación, que regasifiquen fóra, no porto exterior, tal e como ofrecía o proxecto inicial antes da suposta ou presunta cadea de corrupcións que levaron a aloxala no mesmo medio da ría ferrolá. O demais son escusas hipócritas de xente interesada. 

Ferrol debería esixir ao estado español a devolución dos territorios ocupados, máis dun 20 % do territorio total ferrolán. Ferrol debería solicitar a devolución de todas as instalacións militares ocupadas na cidade e tería un amplo abano de oportunidades para poder progresar de verdade. Ferrol ten secuestradas as súas fiestras ao mar, o pobo ferrolá debería esixir a súa devolución e non prestarse ao xogo do propio estado que tenta facer negocio coas propiedades en desuso, non as devolve se os ferroláns non soltan cartos, cando aquelas propiedades foran requisadas no seu momento. A nosa terra asoballada, maltratada, sempre utilizada para o ben do poder centralista e para o mal dos seus habitantes. 

Considero vital o funcionamento óptimo das depuradoras na ría, a posta en marcha de viveiros de mariscos, a restrición da circulación de buques de gran tonelaxe, a creación de cooperativas e plataformas cidadás para organizar a repartición e a explotación das moitas zonas marisqueiras que podería xerar a ría unha vez depurada na súa totalidade. Imaxino un bo   progreso, un progreso san e acorde co medio no que vivimos, sen perturbalo innecesariamente coa escusa de que non hai outra maneira de progresar. Temos unha ría preciosa que ben coidada e organizada podería chegar a ser “aquel verxel” de recursos para todos os habitantes de Ferrolterra.


Porén, de aquí a dez anos, se isto non cambia, imaxino que o marisco desaparecerá da nosa ría; que as manifestacións continuarán nas rúas para esixir carga de traballo, que os buques militares seguiran circulando polo Sinus Artabrorum, que gaseiros inmensos frecuentarán a nosa ría coa ameza que supón para a cidade. Imaxino que a ría ferrolá ficará cada vez máis perturbada. Supoño que ninguén antes imaxinou que, un día calquera, un descomunal buque estrutura, ía partir pola metade a ponte das Pías, pero sucedeu. A prensa ferrolá gabou recentemente a entrada, cara á regasificadora, do buque de maior eslora que entrou na nosa ría. Sigan gabando señores, sigan xogando, que igual un mal día toca, e vós, seredes cómplices dos culpables. 

O caso é que os hipócritas non queren ver, sempre son os abandeirados da razón, e coa bandeira da razón hipócrita o progreso verdadeiro nunca chegará a Ferrol.

Escrito de opinión creado por © Xurxo M. Gago Chao

Tódo para o blog

Recente:

Ads

© Xurxo M. Gago Chao

Copyright © 2017 Recoñecemento- NonComercial-SenObraDerivada 2.5 España

Blogger Templates Designed by Templatezy