Unha Xornada Bretemosa

Posted By: Xurxo M. Gago Chao - 18:47:00

O patrón espertou antes de que o canón dos militares anunciase a hora do orto. No albor dunha mañá neboenta, Jorge Chao, dispúxose a preparar os aparellos necesarios para saír a probar o motor da nova embarcación que construíra, O Brisa.

Vivía nunha fermosa, pero vella, casa de pedra, a menos de dez metros das augas da ría do Baño, tamén chamado Esteiro. A pequena praia d'A Redonda de abaixo, no concello de Mugardos, era o lugar de onde partían todas as embarcacións construídas polo patrón, todo un bo carpinteiro de ribeira. Jorge Chao era mecánico naval retirado da antiga empresa nacional Bazán. Tiña moita experiencia e sapiencia profesional, moitos dos pescadores do lugar acudían xunto a el cando precisaban algún tipo de arranxo nas súas embarcacións. Era un home bo e xeneroso, de moi estupendo trato, moi correcto e educado. Todo un exemplo de persoa.

Dende a ventá da súa casa podía ver e presenciar perfectamente a entrada e saída de barcos na ría de Ferrol. Tiña boa conta deles, tanto dos barcos militares como dos barcos que transportaban carbón, madeira ou outro tipo de mercadorías dirixidas ao peirao ferrolá. Tiña a experiencia necesaria para navegar toda a ría. Era coñecedor de todos os recunchos e abrigos que ofrece o Golfo  Ártabro, o Sinus Artabrorum.

Naqueles temperás albores do día saíu a navegar. Saíu debagariño, escoitando o son do motor, tentando descubrir nel calquera tipo de anomalía mecánica. A experiencia dá para moito. O día antollábase bretemoso; unha espesa néboa asolagaba toda a paisaxe ferrolá, cubríndoa enteira, coma se fose unha inmensa nube de azucre. Pero, ao patrón, nada diso lle ía impedir cumprir coa tarefa que se propuxera aquela mañá, a posta a punto do Brisa.

O silencio da ría era profanado por pequenas embarcacións coma a do patrón, algunhas delas saían á faena, outras realizaban o tránsito cara ao interior do peirao ferrolán e outras facían o tránsito cara ás diferentes localidades da contorna. O son do gruar das gaivotas era a música que os acompañaba. O patrón ficaba contento, pois xa chegara á conclusión de que o motor estaba en perfectas condicións de funcionamento, todo lle ía moi ben. Deleitouse na navegación coa prudencia que lle caracterizaba e dirixiuse cara á saída da ría para probar a embarcación na ría de Ares.

Virou o leme e dispúxose a pasar entre o castelo da Palma e a Fortaleza de San Filipe, saíndo da enseada do Baño. Pero xusto, nese momento, unha inmensa sombra cubriu toda a contorna. O vello patrón, sorprendido, logrou escoitar o forte e grave estrondo que proviña dun xigantesco buque que entraba na ría ferrolá. A modo que reaccionou, puido virar o leme a tempo para non chocar contra a grande mole do buque, un grandioso barco militar que lentamente foi ocupando a estreita pasaxe entre os castelos.


Jorge Chao, non puido facer outra cousa que realizar unha acción paralizante do motor e virar cara as rochas, para evitar arremeter contra O Dédalo, o antigo portaavións da Armada Española. Esperou un bo anaco de tempo co medo no corpo, esperando a que pasase aquela impresionante mole de ferro flotante.

Tivo que soportar as axitadas augas, pois as ondas xeradas polo portaavións estiveron a piques de facelo envorcar. Mais ao final, todo foi ben. Puido observar con tranquilidade a grandiosidade daquela xigantesca embarcación. Porén, co medo metido no corpo, xirou o temón e transitou lentamente cara a enseada d’A Redonda, para dar por finalizada a aventura daquela mañá e recapitular sobre o sucedido.

Por mor de estar atento ao son do motor do Brisa, acompañado pola visión bretemosa daquela mañá, incorreu nun despiste que case o fai colidir contra o mesmo buque insignia da Armada Española. Dende aquela; tomou boa conta, e se antes xa era precavido, redobrou a súa prudencia á hora de saír ao mar nos días bretemosos.

Enseada do Baño, A Redonda [Mugardos, A Coruña]

Unha curiosa experiencia que tempo máis tarde puido contarlle aos seus netos agasallándoos cunha evocadora reminiscencia do seu pasado.

O Brisa navegou moitos anos as augas da ría ferrolá, e o patrón, o carpinteiro de ribeira Jorge Chao, continuou a traballar e a construír novas embarcacións, cada unha delas coa súa propia historia.

As augas salgadas da nosa ría están impregnadas de multitude de vivencias que foron, e serán, espalladas polas vellas memorias.

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Tódo para o blog

Recente:

Ads

© Xurxo M. Gago Chao

Copyright © 2017 Recoñecemento- NonComercial-SenObraDerivada 2.5 España

Blogger Templates Designed by Templatezy