As Pegadas da Alma



Búscame preto do mar,
onde as ondas de escuma esbrancuxada
e xunto a rochas has de atopar
sentires da miña alma.

Búscame no recender dos bosques,
alí onde os ríos de fortes augas
onde quizais ao respirar atopes
unha parte da miña alma.

Búscame nas nosas costas,
e búscame nas nosas praias,
onde da fina area rexorde
algunha vivencia da miña alma.

Búscame onde o amor reloce,
entre a tenrura e a boa palabra,
entre o mimo e o bico doce
está outra parte da miña alma.

Búscame na comprensión,
e entre o erro da raza humana,
de erros teño colección
nas entrañas da miña alma.

Búscame no silencio,
no espazo onde non hai nada
e éncheo de son poético
coa palabra da túa alma.

Cando queiras podes atoparme
nalgunha vivida lembranza,
no ambiente, no mesmo aire,
haberá pegadas da miña alma.

As almas deixan pegadas
polos lugares por onde aman,
deixan regos de amor as almas,
regos de agarimo, morriña e esperanza.

Xurxo M. Gago Chao
Mugardos, A Coruña.
(Poema incluído na obra colectiva Alén do Silencio)
anterior inicio seguinte
logoweb