Valentes Labregos

Os labregos do reino de Galicia estaban máis que fartos dos saqueos dos exércitos franceses, aos cales, non lles importaba o máis mínimo deixar sen alimentos a poboacións enteiras. Todo aquilo estaba a provocar pequenas reunións clandestinas entre os labregos para argallar novas formas de presión contra o inimigo francés. As cousas non pintaban ben. A xente tiña medo e fame. Había moitas malas novas sobre a situación nas diferentes poboacións galegas. Demandábase facer algo da maneira urxente. Estaba claro que os saqueos dos exércitos de Napoleón tiñan que rematar.

Corría o ano de mil oitocentos nove nun esmorecente mes de xaneiro, un fondo sentimento de cambio manifestábase no ambiente do pais, un ambiente bélico e sobresaltado pola presenza de tropas inglesas, francesas e portuguesas, no noso territorio galaico. Os habitantes do antigo reino sufrían asemade os continuos abusos dos “Gabachos” (dos montañeses groseiros), como se lles chama aos franceses despectivamente dende o século dezaseis. Estes roubaban os alimentos que a xente das aldeas tiña acumulados para o inverno, deixándoos sen nada co que abastecerse, moitas veces ata levaban aos animais.

Trala capitulación da cidade da Coruña ante o exército francés do Mariscal Soult, o vinte de xaneiro, un continxente de soldados franceses marchou cara a cidade de Ferrol ao mando do xeneral Mermet; e estes foron vistos, detectados, á altura de Miño por un grupo de aldeáns que andaban nunha asemblea improvisada trala capitulación da cidade herculina. Non se sorprenderon moito ao velos, chegaron á conclusión de que se dirixían ao porto ferrolán, onde a Armada Española tiña algúns do seus navíos.

Uincentius era o nome do líder dunha aldea ártabra, un home forte e rudo, moi malencarado, que nos derradeiros tempos dedicábase a falar en contra dos franceses e da capitulación ante eles, instando a levantar armas coma se facía noutros lugares. E a partir daquela xuntanza formouse un pequeno grupo de no máis de vinte persoas guerrilleiras dispostas a facer fronte aos exércitos napoleónicos.

Enviaron un mensaxeiro cara a Ferrol, o cal, cabalgou rapidamente ao lombo dun veloz cabalo ata chegar á altura do arsenal ferrolán. Ao velo fatigado, nervioso e pudoroso, nun principio, os gardas da entrada nin caso lle fixeron. Pero ao pouco púxose a botar berros avisando de que viñan os franceses cun destacamento armado, polo que, tras as súas insistencias, os gardas españois déronlle tal malleira que o deixaron tendido no chán cun charco vermello preto da súa cabeza. Non tardou en morrer. Ao pouco, pasou un carro tirado por un par de cabalos vellos e o cadáver foi tirado na traseira de maneira moi desprezativa. O que sabía o mensaxeiro non o puido comunicar, polo que se achegaban os exércitos franceses sen que ninguén estivese facendo nada para impedilo.
Os homes de Uincentius estaban a vixiar ao destacamento que paseniño  camiñaba cara a Ferrol. Estaban á espera do momento oportuno para atacar de maneira selectiva a aqueles soldados. Querían arrebatarlles os alimentos e carros con provisións que levaban para alimentar ás súas familias.

Por outra banda; os castelos de Ferrol estaban seguindo unha xornada de rutina, non estaban ao tanto do avance dos franceses, e si o estaban tanto lles deu, pois alí ninguén se moveu para nada. Atopábanse uns trescentos soldados nos diferentes fortes, e moitos máis fortaleza da Palma, pero todos eles estaban moi tranquilos, e algúns, bébedos.

O valente rapaz Ansulfo foi o elixido para comezar un pequeno ataque sorpresa contra o exército ao mando do xeneral Mermet. O rapaz tiña a misión de marchar correndo a lombo dun cabalo mentres portaba nas súas mans uns fachos ardentes para arroxalos contra o grupo de homes franceses e crear un pequeno caos. E fíxoo, con moita coraxe e decisión. Galopou e galopou ata sentir coma un anaco do seu brazo dereito saltaba polo aire ao recibir o  disparo do arcabuz dun soldado “gabacho”. Ao pouco caeu ao chán. Os soldados deixarono alí para preocuparse doutro grupo de asaltantes que xa mataran aos condutores dos carros das provisións e escapaban con eles internándose no frondoso bosque.

O xeneral enfadou, chamou de todo, e a berros, aos milleiros de homes do seu destacamento. Convidounos a todos a estar máis que atentos aos ataques dos famélicos poboadores. Atopábanse sen provisións, polo que terían que saquear de novo antes de asediar aos castelos, pois os seus homes sen comer no ían a ser moi bravos. Continuaron o camiño, esta vez, observando con máis atención todo o seu redor. Os soldados españois erguéronse dos seus asentadoiros, puxéronse en posición de ataque, eran tan poucos que tiveran que enviar a algúns soldados para recrutar milicianos cos que facer fronte ao exército napoleónico. Os franceses xa estaban case preto dos castelos.

Na aldea de Uincentius, aqueles labregos valentes, estaban a descargar tres carros cheos de provisións para dous invernos. Esta vez ninguén se ía rir deles, deixarían o necesario e agocharían o resto nalgunha leira frondosa. Aquela noite fixeron unha festa onde non faltou o pan, a carne, o viño e as deliciosas lambiscadas feitas polas xoves mulleres, filloas e torradas con mel. Naquela noite escoitáranse pequenos refugallos, moitos sons de disparos que indicaban que os franceses estaban a asediar Ferrol e os seus castelos. Sabían que se acudían morírían todos, xa terían tempo para loitar e gañar.

Despois de catro días de asedio, os castelos ferroláns, caeron nas mans do exército ao mando do xeneral Mermet e as autoridades ferroláns víranse na  obriga de firmar un humillante documento onde recoñecerían a capitulación a favor do rei Xosé Bonaparte. Os españois víronse na obriga de entregar os buques atracados no arsenal, unhas tres fragatas e sete navíos, ademais de máis de mil canons coa súa munición correspondente. Os franceses foran os momentáneos vencedores pero centos de milicianos galegos do norte avanzaban cara as terras de Pontevedra liderados por Uincentius, todos eles ben dispostos a axudar na reconquista de Vigo. Pero iso é xa outra historia …

Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb