O Crómlech das Meigas


 O Crómlech das Meigas
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
 
A néboa estaba inundando o ambiente, nunha noite fría e silenciosa, a humidade do lugar calaba fondo nas persoas presentes. Tiñan postas unhas túnicas de cor branca e disporíanse a entrelazar as súas mans para formar un perfecto círculo que iniciaba o ritual. O madeiro dunha vella abeleira facía de improvisado altar, estaba cuberto por un mantel branco onde repousaban dous candeeiros de prata e, catro velas sinalaban os puntos cardinais. Había tamén unha vasoira de palla para, de xeito simbólico, varrer as malas enerxías. Un incenso creado para a ocasión repousaba no botafumeiro fumegante xunto a un mangado de sal gordo para afastar o mal. Unha enorme copa de metal contiña un líquido especial do que beberían unha vez finalizado o ritual.

Encontrábanse nun lugar de poder, nun monte que acollía a un conxunto de pedras en forma circular. Nun monumento megalítico chamado crómlech. Nun círculo lítico utilizaran as meigas do lugar para os seus ritos e sortilexios. As pedras foran usadas coma asentadoiros, onde as bruxas galegas asentaban as súas nádegas mentres conversaban á vez que removían os seus caldeiros cheos de beberaxes varios para os seus encantamentos. O lugar chamábase a Eira dás Meigas. Nela, un grupo de mozos, estaba a inventar un ritual para lograr os seus propósitos. Intentaban con todas as súas forzas soportar o duro frío outonal da costa da Morte durante a noite de Samaín.

Levaban varios días de preparativos recompilando os obxectos necesarios para o ritual, consultando libros de maxia Wicca para facelo todo á perfección. Todos eles eran estudantes de primeiro ano na universidade de Compostela. Certo era, que para ser principiantes, seguiron rigorosamente todas as indicacións para evocar a nai antiga. Para invocar a nai terra, para que ela coidaría ben deles. Pero nin as rapazas eran meigas, nin os rapaces meigos. Eran seis mozos aventureiros; capaces de soportar o frío na noite de defuntos galega, esperando encontrar algunha resposta ao descoñecido, atraídos por ese lugar misterioso chamado Monte Neme, cargado de lendas sobre rituais druídicos e meigas feiticeiras.

Todos proviñan de familias podentes, compartían piso en Santiago, un piso de estudantes que acollía as súas noites espertos, unhas veces por esmorgas e outras por estudo. Pensaban que tiñan todo controlado, que os seus pais ao único que se ían dedicar era a pagarlles o piso e a darlles diñeiro para sustentar o mes. Pensaban que os seus pais íanse a conformar cunha chamada telefónica semanal crendo que eran moi responsables os seus fillos. Pero estaban moi equivocados. Os seus pais levaban semanas seguindo todos os seus movementos. Pero os seus pais coñecían ben o que argallaban, chamábanse a miúdo para contrastar as noticias que os rapaces lles daban, comprobando así que en moitas delas contradicíanse. Por iso; esa semana do Samaín,  dispuxéronse a seguilos por distintos lugares, sempre a certa distancia,  para non ser sorprendidos. Os pais puideron observar como os rapaces e rapazas entraban en tendas esotéricas, coa conseguinte preocupación para eles. Tamén os seguiron cando foron ao Monte Neme para avaliar o lugar exacto para o ritual da noite dos mortos, escoitáronos falar e elucubrar sobre como e onde o farían. Con todo; os pais, puideron ter toda a información necesaria para sorprendelos, no momento e lugar axeitados, para darlles unha boa lección.

A noite de Samahín galega é unha noite máxica, unha noite esotérica, sempre e cando se desexe crer. Hai que estar abertos de mente e espírito para entrar en sintonía co esotérico. Nese estado estaban os mozos mentres realizaban o ritual. Estaban a punto de rematar as frases de homenaxe á nai antiga, a punto de romper o círculo enerxético coas súas mans entrelazadas. Pero os seus pais estaban estratexicamente escondidos en distintos outeiros do lugar. Estaban detrás duns toxos ou dalgunha árbore que lles permitise ver sen ser vistos. E, No momento sinalado, puxeron a reproducir un antigo radiocasete que fixo soar sons da noite do Amazonas. Os ecos e berros dos diferentes animais da selva comezaron a asustar de xeito case inmediato aos rapaces e ás rapazas que estaban a facer o ritual. Os cales; sorprendidos, miraban ao seu arredor con cara de circunstancia, pensando que ao facer o ritual abriran as portas dunha dimensión descoñecida. Un dos pais portaba unha vídeo cámara, inmortalizando os momentos en formato nocturno. De súpeto, de distintos lugares comezaron a aparecer e desaparecer diversos rostros fantasmagóricos con miradas vermellas penetrantes, as rapazas berraban:

- Mira, alí, e alí. Foder!

Os pais, ben organizados, situáranse estratexicamente portando caretas de carnaval, unhas caretas cuxos ollos tiñan unhas lámpadas de cor vermella que lles daba un aspecto aterrador no medio da noite pechada. Aparecían e desaparecían. Alternábanse no empeño de asustar aos seus fillos. Os asustados oficiantes do ritual, de maneira inconsciente, xuntáronse a carón do pequeno altar protexéndose uns aos outros tras o que estaban a presenciar. Un dos deles  asiu a vasoira, como para amedrentar a quen ousaba acosarlles. Algunhas das chamas das velas apagáronse. A noite era fría; a brisa mexía as chamas das outras velas, cuxo reflexo na terra creaba sombras estrañas nese ambiente tan aterrador. Algún dos pais non puideron conter o sorriso. Estábano a pasar xenial ao observar aos seus fillos completamente atemorizados. Todos eles estaban cubertos por unha túnicas brancas que apenas lles protexían do intenso frío que xeaba no lugar. Algunhas nais ataviáranse tamén cuns traxes brancos estilo gótico. Puxéranse lentes de contacto e, cunha vela grande nas mans dedicáronse a pasear entre a maleza cun aire místico. Logo, desaparecían da vista dos temerosos oficiantes de maxia Wicca. Tras uns minutos, cesaron o asedio, pulsaron a tecla stop do radiocasete e agochados esperaron en silencio a ver como reaccionaban os asustados estudantes.

Ao notar que cesaran os estraños sucesos gritaron asustados:

- Hai que saír de aquí!

De súpeto, recolleron o que puideron, colleron a roupa e o calzado das súas mochilas e procederon a vestirse con rapidez. Pero aínda lles esperaba outra sorpresa, que non era outra, que a aparición dos seus respectivos pais e nais mentres se estaban a vestir. A sorpresa foi maiúscula, os sorrisos e as bromas dos adultos enfadaron a algún deles, aínda que reaccionaron felices por atopalos alí. Xa habían aprendido a lección. Os pais sentíronse orgullosos da súa representación nesa noite de espíritos.

Dende entón, quedou claro para os rapaces e as rapazas protagonistas destes feitos, que con certas cousas non deberan xogar. Por moi atraente que foran as lendas de certos lugares, mellor era non xogar co poder da maxia. E así, deixaron de lado os rituais no Crómlech das Meigas do Monte Neme. Deixaron de lado os xogos coa maxia Wicca e dedicáronse aos estudos na universidade.

Quizabes, o pequeno ritual que fixeran para honrar á nai antiga, a nai natureza, fixera efecto. Talvez, sen sabelo, quedaran influenciados pola benfeitora maxia da nai terra e pola forza esotérica daquel lugar de poder.

Pero vaia susto que levaron…



 © Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb