Noite Estraña

 Noite Estraña
© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
 
Laura atopouse freando de súpeto o seu automóbil tras divisar unha luz branca que cruzou a estrada pola que circulaba nunha noite escura. Nun principio pensou nun animal, pero nada xacía diante do seu coche, cruzado no medio dunha curva. Asustouse. Quedou petrificada observando como as luces dun gran vehículo se lle achegaban a gran velocidade. Non o soportou, desmaiouse. O coche de Laura ocupaba os dous carrís. A muller tiña o seu corpo inerte e a cabeza apoiada no volante.

O camioneiro pouco puido facer para non chocar contra o coche. O último que viu, grazas as luces, foi que non interior do coche había unha muller loura coa cabeza apoiada no volante. Nada puido facer para evitar tal envite. Finalmente, arroiou o coche, e desprazouno varios metros arrastrándoo até a beira da estrada.

Tras un breve silencio abriuse a porta do camión, saíu o condutor cambaleándose mentres se dirixía cara ao coche para intentar rescatar á muller. Sorprendeuse tremendamente ao observar que non había ninguén no seu interior. Os cristais das ventás da parte dianteira estaban intactos, polo que non era posible que saíse disparada a súa ocupante. Realizou un rastrexo visual pola zona, buscando a alguén malferido, pero ninguén había nese lugar ademais del. Decidiu chamar á policía para aclarar o sucedido.

O camión, cruzado na estrada, foi rexistrado a fondo por cinco gardas, mentres outros tantos precintaban o lugar. O chofer achábase sentado nun coche patrulla, dous axentes de paisano interrogábano mentres consultaban os seus datos persoais pola radio. O condutor do camión sentíase apesarado e sorprendido. Nunca lle sucedera tal cousa. Onde estará esa muller?, pensaba.

Os gardas cansaron de buscar polas inmediacións sen atopar nin un rastro da muller desaparecida. Sabían que era ela porque encontraran a documentación no interior do vehículo, pero, polo demais, nada de nada. Algún dos gardas chegou a dubidar do condutor dicíndolle que todo aquilo parecía unha montaxe. Pero de montaxe nada.

Fíxose o día, unha grúa encargouse de retirar o coche e levalo ás dependencias policiais, e comezou a levarse a cabo unha investigación. O condutor do camión sinistrado foise para a súa casa coa sensación de ter sufrido algún tipo de suceso paranormal. Pero iso non llo dixo aos gardas por medo a que o tomaran por tolo.

Laura espertou sobresaltada. Vaia sono tivera! Mesmo suaba. Sooulle o teléfono, era a policía. Comunicáronlle que o seu coche sufrira un accidente. Preguntáronlle se sabía algo diso, pero ela non soubo que dicir. Os axentes informárona de que en breve se presentarían na súa casa para interrogala sobre a situación do vehículo. Ela, unha vez rematada a conversa, asomou á ventá e comprobou que o seu coche estaba aparcado fronte ao edificio, tal e como o deixara o día anterior. O certo é que pensaba que o pesadelo fora moi real.

Estaba nerviosa mentres paseaba por toda a estancia do seu salón, e púxose inda máis cando chamaron á porta, eran os axentes da lei. Nada máis abrir, presa dos nervios e a tensión, padeceu un síncope e derrubouse, caendo no chan diante dos gardas.

-       - O seu coche apareceu escangallado … [Comentáronlle os gardas unha vez que se repuxo do esvaecemento].

Informárona de todo, e de que non foron quen de obter outras pegadas que non fosen as dela. O que indicaba que tan só ela estivera no vehículo. Propuxéronlle acudir á comisaría para falar co condutor do camión, e alí, o condutor tan só recoñeceu a súa melena. Laura non podía máis, e ao non ter respostas ás preguntas dos axentes decidiu contarlles o seu pesadelo, cuns  detalles que confirmaban a versión do camioneiro. Relatoulles o seu soño, contoulles que algo se lle cruzou na estrada e que para esquivalo tivo que manobrar, ao facer unha brusca manobra calándoselle o coche no medio do dous carrís, e que ao ver as luces do camión achegarse desmaiou. Díxolles que o seguinte que lembraba despois diso era espertar sobresaltada na cama da súa casa tras escoitar o son do teléfono.

Os axentes non podían crer o que estaba a pasar. A muller que afirmaba que todo aquilo foi un pesadelo. O camioneiro que chocou contra o coche da muller. O coche sinistrado é o coche da muller, pero o mesmo coche, resulta que tamén se atopaba aparcado fronte ao edificio onde reside e en perfecto estado. As indagacións dos axentes levounos a confirmar que o coche sinistrado é o mesmo que o coche que está fronte á vivenda de Laura. Os dous coches parecen ser exactamente iguais, coa mesma matrícula e o mesmo número de bastidor, algo incrible. Laura non vai dar parte ao seguro porque en teoría o seu coche está intacto. E o camioneiro a preguntar como ían saír daquela situación.

Laura chegou á conclusión de que sufriu algún tipo de teletransportación no momento previo á colisión co camión. Aquilo salváralle a vida. Estaba convencida de que aquela luz esbrancuxada coa que se atopou tiña algo que ver co asunto. Pero como ía contar iso á policía? Que ían a pensar dela? Un burato de verme?  Unha porta ou oco dimensional?

Como Laura non puido demostrar que non estaba no seu coche aquela noite, tivo que facerse cargo dos gastos e das multas correspondentes polas diferentes infracción incorridas antes do impacto co camión. Algo inaudito, se valoramos, que tras a forte colisión debera ter algún tipo de lesión corporal. En troques, atopábase en perfectas condicións físicas. Fose o que fose, a lei non atende a contos paranormais. Mellor ser teletransportada e, pagar os gastos que fosen, que perecer baixo os ferros do coche.

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb