Reminiscencias do Tempo

Derradeira singradura da Fragata Extremadura

Reminiscencias do tempo

O tempo ben sabe daquel despropósito,
sabe dos motivos que levaron ao desastre,
sabe das mentiras dos homes covardes,
sabe de amnesias e de medos corporativos,
sabe qué verdades se quixeron agochar.

O tempo non esquece os sucesos pasados,
xacen agochados na súa liña temporal,
non esquece o maltrato aos homes valentes,
nin os reproches que sufriu a verdade.
O tempo sabe, ten memoria prodixiosa.

O tempo ben sabe da dor causada,
sabe de absolucións e de palabras mentireiras,
sabe da inxusta xustiza de gorras de prato;
sabe de abusos, imposicións, ordes e mandos,
sabe de letrados eruditos do engano.

O tempo non esquece aquela falsidade;
o tempo, o tempo, é sabio e sabe,
lembra cada silencio daquel que non fixo nada
e as agochadas evidencias nas mentes dos falsos,
aqueles medorentos personaxes de casto traxe.

O tempo sabe de falsas amizades fuxidas,
sabe de envexas cobizosas de persoas maliciosas,
sabe de finxidos sabios que todo saben e entenden,
sabe de certas pantomimas orquestradas
para evitar que a sinceridade saíse a relucir.

O tempo non posterga realidades pasadas
sabe da coherencia daquela persoa vítima,
lembra os duros ataques por mor da súa valentía,
lembra aquela loita teimosa e honrosa
pola dignidade dos obrigados a marchar.

O tempo ten rexistrado aquel cruel estoupido
e lembra corredores enchidos de amianto,
lembra lategazos do vapor que serpeaba,
lembra estarrecedora escena de morte,
e a implacable néboa expandida, espesa e quente.

O tempo lembra corpos rescatados,
lembra a coraxe de valorosos homes,
lembra o comezo da maquinaria da falsidade,
e a todo aquel que mirou cara a outro lado,
aquel que sabendo dixo que non sabe.

A vida conxúgase co tempo,
matiza as razóns que foran silenciadas
e pon en evidencia aqueles mal faceres,
aquelas ameazas baixo o xugo da disciplina.
Porén, hoxe, a verdade é máis verdade.

A verdade alborexa co transcorrer do tempo
 e cada quen navegará a súa singradura
seguindo as correntes que o karma ditamine;
e nin os traxes, nin os sables, nis as bandeiras
axudaraos a desprendérense da súa inmoralidade.

Hoxe, a verdade é máis verdade.

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 Derradeira singradura da Fragata Extremadura
anterior inicio seguinte
logoweb