Camiño Inglés a Santiago de Compostela [Leiro – Sigüeiro]

Terceira Etapa 

Espertei antes de que soase a alarma, durmira do tirón desde as nove e media da noite. Eran case as seis e media cando levantei. Facía frío. Todo estaba en silencio, moito silencio. Tras mirar pola xanela descubrín unha brétema que o cubría todo, inda non amencera, pouco podía distinguirse na escuridade. Fixen as curas das feridas dos pés, novamente, e prepareime para afrontar a terceira etapa, quizais máis dura que a anterior.

Tras recoller todo e arrombalo como era de rigor, baixei á planta baixa onde me acomodei para degustar unha peza de froita e un zume mentres vía a televisión. Tomei un par de barriñas enerxéticas, apaguei todo, pechei o local e paseniño emprendín a marcha cara ao bar onde deixei as chaves do albergue de Leiro para logo tirar a andar cara a Bruma. 

Xusto ao final de Leiro atópase Casa Xulia, un restaurante moi anunciado en diferentes cartaces que o peregrino vai atopando ao longo da segunda etapa, o último bar para coller provisións antes de subir a montaña. Dáse a curiosidade de que mencionados cartaces están pendurados nos troncos das árbores no medio do bosque, cartaces anunciados cun número asignado por se ao peregrino lle entrase a fame tan só tería que dicir en que número de cartaz se atopa para que lle levaren un bocadillo e onde, tamén, se ofrece a posibilidade de chamar a un taxista para que vaia a recoller a o cliente ao número de cartaz correspondente. Aquel ofrecemento publicitario nas árbores transmitiume moita seguridade, pois facíaseme difícil camiñar en solitario por aqueles camiños de bosque interminable polo que ao ver aquel pequeno cartaz anunciando civilización achegábame tranquilidade. Se quixese abandonar chamaría a un taxi, se quixese comer chamaría para que me trouxesen un bocadillo. A loxística é moi importante.

Entrei en casa Xulia para tomar un café dobre de pota acompañado dunhas madalenas. A amable dona, Xulia, fíxome entrega de dúas torradas, xentileza da casa, que degustei encantado. Todo un enerxético almorzo para comezar a subir cara a Bruma. Xulia deume unha serie de indicacións sobre a dureza da subida e desexoume un feliz camiño. Antes de irme, aprovisioneime cuns petiscos tipo kit-kat e con dous Aquarius de laranxa en lata. Xa estaba listo para subir a pesar das chagas e das maniotas.

Tomárame case unha hora co almorzo. Xa amencera ao saír do local. Comecei a camiñar seguindo as indicacións. O camiño pasou de estar asfaltado a ser un típico camiño bulleiro, estreitándose cada vez máis até pasar a converterse nunha senda de bosque inmenso poboado de eucaliptos, carballos, loureiros, nogueiras, castiñeiros, e moi frondosa e distinta vexetación. A medida que fun ascendendo puiden descubrir as fermosas e brumosas vistas. Era evidente o meu cansazo tras o esforzo, aproveitei o peso da mochila para manter a verticalidade, o estreito camiño ascendente do bosque íaseme facendo interminable. Convencinme de que aquela subida de catorce quilómetros ía ser todo o tempo naquelas condicións. Tiven que facer unha pequena parada en plena ascensión. As pernas, os xeonllos sobrecargados, os xemelgos subidos, os pés feitos po, toda unha subida sufrida. Afoutei coraxe e funme empurrando até ir collendo un ritmo constante ao camiñar coordinando os meus pasos co apoio do bastón de peregrino.

Levoume toda a mañá percorrer os quilómetros de subida cara a Bruma, o camiño foise alternando de novo entre asfalto e terra, entre bosques e cotos de caza e civilización. O terreo foise achandando até que un cruceiro no medio da nada indicoume que chegara ao cume da subida e que a partir daquel momento o terreo xa ía ser máis chairo. Saquei as fotos de rigor e tomei un anaco de chocolate e un Aquarius para repoñer as forzas investidas. Renovei a marcha.

Desde que se achanda o terreo até que se chega ao mesmo albergue de Bruma aínda hai uns cuantos quilómetros, para min, tras a subida e as chagas, supuxo un gran esforzo percorrelos. O meu camiñar era dunha lentitude anormal, a mochila pesaba, as miñas pernas pesaban, todo pesaba menos a miña mente. Ela; a pesar da dor, ía lixeira e amena, entretida, pensado en cousas positivas e gardándose en escenas a bela paisaxe que me estaba a rodear. Cheguei, por fin, ao albergue de Bruma. Levaba medio día de atraso na miña peregrinación. A partir daquel momento quedábame unha etapa enteira por diante Bruma – Sigüeiro. Eran case as dúas da tarde, boa hora para comer, para descansar un pouco, o meu corpo demandábao.

Tomei varias barriñas enerxéticas ademais de dous iogures. O albergue estaba pechado pero unha pequena oficina adxacente estaba aberta. Atendeume o xestor do albergue e cuñou a miña credencial despois de interrogarme cunha serie de preguntas sobre a miña viaxe e comunicarme que case non chego a cuñar porque el pechaba a súa oficina ás dúas. Tomeime un chocolate de máquina. Descansei na parte traseira onde había un xardín moi bo coidado. O albergue e a súa contorna estaban para o gozar do peregrino, e eu goceino, tras non poder facelo a noite anterior.

Tras case unha hora de descanso volvín retomar a marcha e dispúxenme a superar aquela localidade, tiña por diante unhas longas rectas de asfalto. Comecei a camiñar case que en automático, con resignación de peregrino teimei e teimei, andei e andei, pois chega un momento no que o cerebro da ordes de movemento sen que nós teñamos que estar atentos a tal mester, para así poder ocupar a mente mentres se anda en meditacións profundas ou liviás. Funme atopando igrexas, cruceiros, un xigantesco peregrino de pedra mentres ía superando os distintos lugares que as vieiras indicaban. Atopei un pequeno Dino de cor verde que me sorprendeu no medio daquela paisaxe rural galega. 

As miñas meditacións íanme levando á conclusión de que se non apertaba o paso chegaría pola noite ao albergue de Sigüeiro pois inda tiñas trinta quilómetros até chegar alí. Pero, ao apertar máis o paso, as chagas queimaban e doían excesivamente, e eu, tentaba esquecerme delas no meu afán de apurar. Como case non comera parei case á altura de Ordes, morría de fame, e con todo, decidín parar nun restaurante . Naquel restaurante de Ordes puxéronme outro cuño na credencial e desgustei un bocadillo de tortilla e un café. A mochila pesaba en exceso pois estaba cargada de roupa húmida da suor dos días anteriores. Aproveitei para mercar no bar máis provisións para o resto do camiño até Sigüeiro.

Falei por teléfono coa muller e a filla, falar con elas deume o impulso que precisaba para continuar. Pensaba nelas, e tamén pensaba nun pracenteiro baño e nunha estupenda cea, pero o tempo apremaba e non me deixei influenciar por las debilidades dos praceres terreais para non decaer a marcha e para cumprir o meu obxectivo de purificarme de corpo e alma camiñando. Acelerei o paso, eran máis das cinco da tarde cando pasei a dous quilómetros de Ordes pola parroquia de San Paio de Buscas.

Non parei de camiñar en catro horas, coa compaña do meu pensamento e da paisaxe fun avanzando sen máis. Quería chegar ao albergue antes da dez da noite, pero o caso é que non sabía onde se atopaba. Fun enchendo o meu corpo de calorías con zumes e muesli. Parei a cambiar de calzado, pois as botas que tiña postas me estaban a producir moita dor nos dedos. Puxen uns tenis normais, os cales permitíronme camiñar moito mellor e diminuíron a dor.

Cheguei exhausto ao centro de Sigüeiro, preguntando polo albergue de peregrinos. Xa tiña os cuños para o dereito a pasar a noite do albergue de Bruma e do restaurante de Ordes, só desexaba que estivese aberto o albergue de Sigüeiro e que alguén puidese atenderme. As miñas sospeitas eran infundadas, pois tras preguntar nas proximidades dun bar, tan só tiña que cruzar unha rúa e baixar unha costa para chegar ao pavillón que facía de albergue en Sigüeiro. E, xa alí, atopeime cos compañeiros peregrinos que coñecera no albergue de Miño. Comentamos as nosas experiencias até que veu o encargado do albergue coas chaves. Unha vez dentro aproveitei para ducharme e instalarme no chan cun colchón e o meu saco de durmir, non había camas, a instalación era un pavillón de deportes. O lugar habilitado era o chan pero proporcionaban colchóns, os cales, estaban apiñados sobre unha parede.

Os meus compañeiros peregrinos decidiron saír a cear, pasaban as dez da noite, pero eu estaba moi canso. Tiña dous bocadillos, mazás, laranxas, plátanos e algún iogur, polo que ceei alí mesmo. Apaguei as luces despois de facer as curas aos meus pés e de preparar a roupa para a mañá seguinte. Non tardei moito en durmirme despois de revivir algunhas escenas dos últimos días e de imaxinar a chegada a Santiago de Compostela o día seguinte.

Fin da Etapa

Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

anterior inicio seguinte
logoweb