Sigüeiro - Santiago de Compostela [Fin do Camiño]

Cuarta Etapa


As alarmas dos móbiles dalgúns compañeiros peregrinos espertáronnos a todos sobre as seis e media de mañá. Fómonos aseando e preparando para emprender a última etapa do camiño, esperábanos Santiago de Compostela. O día anterior; o encargado que nos entregou as chaves do albergue, puxo o cuño na nosa credencial, aínda que xa non era obrigatorio levar os dous cuños a Santiago, pero antollábase necesario para completar as nosas.

Os meus pés xa non estaban tan inchados. As chagas parecía que ían curando de tanto Betadine e cambio de vendas. A ilusión por chegar a Compostela compensaba, mitigaba a dor que puidese estar a sufrir. Non tardamos en partir; esta vez, nesta etapa, fun acompañado. Acompañábanme dous peregrinos de Madrid. Saímos sobre as sete do albergue e paramos a tomar un café nunha cafetería do centro de Sigüeiro, polo que puidemos degustar un enerxético e pracenteiro café dobre cun croissant. Tras o almorzo, emprendemos a marcha. Comezamos co ritual de deixar unha pedra sobre a base de cemento dos indicadores do camiño, unha pedra sobre cada vieira. Había moitas pedras acumuladas dos peregrinos, moitos seguían o mesmo ritual. Naquela mesma cafetería puxéronnos o segundo cuño da credencial, polo que se quixese durmir no albergue de Santiago podería.


O traxecto cara a Santiago pasou rapidísimo falando de maneira amena coa compaña, camiñando sen présa pero sen pausa. Si houbo unha pausa para tomar unhas Coca-Colas nun bar a medio camiño. O traxecto cara a Compostela, desde Sigüeiro, transcorreu por unhas pequenas estradas secundarias e por uns camiños de terra rodeados de bosque, e no último treito, pola mesmísima estrada nacional. O corpo ía só, como en automático, impulsado cada vez máis pola proximidade do destino. A mente xa presentía que se estaba a acadar o destino, que o esforzo pagara a pena, pois estes días algo cambiou en min. O camiño fai que nos atopemos a nós mesmos en calquera momento no que esteamos perdidos ou fóra de lugar.

Comezamos a facer fotos nas proximidades a Santiago, pois durante case todo o traxecto, desde Sigüeiro, non houbera moita pausa para elas. Pero iso si, ao ir entrando na cidade, pola parte dos polígonos, comezamos a divisar as torres da catedral e o impulso de fotografar foi inmediato. As nosas caras reflectían alegría e satisfacción polo traballo realizado nestes días. Aos compañeiros de viaxe coñecéraos en Miño pero fóramos a maior parte do tempo distanciados, rematando xuntos na derradeira xornada. O gran esforzo feito do día anterior por superar Bruma e chegar a Sigüeiro permitiume reenganchar con eles e chegar xuntos á cidade compostelá.


Ao ir entrando na cidade fomos facendo fotos, fronte ou a rente, dos diferentes monumentos, estabamos desexosos de chegar canto antes á oficina do peregrino para poder entregar e cuñar as nosa credenciais, e se todo estaba correcto recibir “A Compostela”. Eran sobre a unha e media da tarde cando entramos na cidade vella, a peregrinaxe desde Sigüeiro leváranos cinco horas, pero foron cinco horas gratas e sen dor, nin de pés, nin de músculos, nin de espírito. Pensaba nas miñas mozas, na miña muller e na miña filla, pensaba que pronto virían a recollerme e que comeriamos xuntos nalgún restaurante da cidade. Xa me tardaba abrazalas.


E por fin, despois de tres días e medio camiñando desde Ferrol chegamos á praza Quintana, punto de encontro, onde se cruzan todos os camiños peregrinos para chegar á Praza do Obradoiro. Alí fixémonos unhas fotos contentos e satisfeitos. Non nos demoramos moito en acudir á oficina do peregrino, aínda había que esperar cola, ademais avanzaba lenta. Na cola había peregrinos de todo tipo, sobre todo estranxeiros, ingleses, alemáns, chineses e xaponeses. O certo é que polo camiño inglés non víramos a ningún deles, virían quizais doutros camiños. Tras unha longa espera, chegounos a quenda para ensinar as nosas credenciais cuñadas e de explicar as razóns da nosa peregrinación. No meu caso foi por algo espiritual, por atoparme a min mesmo, por renovarme por dentro e por fóra, e atopárame. Alí estaba despois de tanto camiñar. Sentíame ben. E así, finalmente, entregáronme "A Compostela" comunicándome que fixera o camiño moi rápido, tan só en tres días e medio e que aquilo tiña moito mérito. Polo tanto saín contento, radiante de orgullo e de satisfacción.

Antes de despedir formalmente aos compañeiros de viaxe fixemos unhas fotos. Despedímonos cordialmente. Quizais, noutros camiños, noutros momentos, volveríamos a nos a atopar. Fun cara á praza do Obradoiro e sentei no mesmo medio dela, xusto fronte a catedral, desde alí chamei á miña muller para dicirlle que as estaba a esperar. Xa estaban de camiño, xa viñan no coche. Eran as tres da tarde. Tiña fame.

Estiven unha hora esperando, pero a espera non me importou, o abrazo e os mimos son o mellor para unha pronta recuperación. Fixémonos as fotos de rigor procedemos a visitar a catedral, era o momento cume da miña viaxe a pé á cidade de Compostela. Aquel ano, como era ano santo, estaba aberta a Porta Santa, e por ela entramos á catedral.

A viaxe, a peregrinación, o reto, o esforzo, pagou con creces a pena. Fiquei satisfeito. Algo cambiou en min, sentíame moito mellor tras a teima. Quizais, esa tranquilidade é o que se obtén tras realizar o Camiño a Compostela, obtense unha iluminación sentida nas entrañas da mesma alma, un sentimento pracenteiro moi especial.


Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

anterior inicio seguinte
logoweb