Mensaxes Queixosas


Dúas almas 
fuxiron nas tebras da noite
do estoupido xerado
polo vapor incandescente
dun buque desleixado, enferruxado,
de feble saúde, queixoso e vello,
sen a atención sanitaria precisa
e con escasos apoios paliativos;
dúas almas xoves,
xa sen vida corpórea,
fuxiron vítimas do ferro desgastado
e das gretas,
suntuosamente incompresíbeis
dun sistema tubular deteriorado
sentenciado coma culpable imaxinario.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

Nas tebras dunha noite de decembro
tremeron as augas da ría ferrolá,
tremeron as vidas,
tremeu o vento
e fuxiu coa chuvia
unha parte da dignidade humana.
O forte estrondo do buque
anunciou a chegada da propia morte,
e a luz partiu cara ao ceo
e a cheminea vomitou vapor e dor.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

A vida amosa con feitos fidedignos,
e con aquelas sentencias inxustas,
que a impunidade ás veces gaña,
ficando a verdade deturpada,
ficando a sensación de xustiza imperfecta
e o terríbel convencemento
de que sermos febles vermes
expostos e medorentos
para sermos esmagados
polas solas dos grosos zapatos
dos necios poderes fácticos
que azoutan as nosas vidas.

Hai que estar alerta tras as queixosas mensaxes da vida!



 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao
anterior inicio seguinte
logoweb