O Arrecendo das flores

 

Espertou cun sentir preguiceiro que lle impediu brincar da cama no mesmo momento de parar a alarma do seu celular. Loitou, por uns intres, contra un sentimento baleigán que lle impedía se levantar. Porén, venceu a preguiza e comezou a afrontar os quefaceres do día. Mentres degustaba o seu rutineiro café con galletas mantivo algunhas conversas coa súa muller e cos seus fillos, para logo, se despedir deles cos bicos e as apertas de sempre. Coma un bo profesional, comprobou que tiña todos os aparellos necesarios para ao seu traballo e saíu da súa casa como calquera outro día. 

Ao chegar, saudou aos seus compañeiros de xeira e vestiu o traxe de rigor, sorrindo ante as comúns charabiscas. O experimentado home tomou o estreito camiño e baixou paseniño polo cantil. 

Xa no mar, mentres procuraba con dignidade e afouteza o sustento para a súa familia, unha grosa onda inesperada provocou que perdese o equilibrio e a súa cabeza bateu contra unha rocha. O seu corpo ficou inerte até ser rescatado das augas. Ao pouco, a súa alma partiu cara ao alén dos homes bos e xenerosos, sen despedidas. E o mar comezou a recender a rosas.

 © Relato creado por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb