Xa se preparan as uvas
para o ben de quen as tome
sendo cada uva un desexo
ata chegar ata as doce.
Xa se preparan candeas
para que as mesas decoren.
Xa se axustan os reloxos
para marcar  medianoite.
Xa é hora do novo ano
pois ao vello venlle a morte.
Xa esperan novas vivencias
e novos refugallos de sorte,
novos cambios e novos rumbos
sen perder de vista o norte.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Anda a repartir castañas
un home de barba poboada
coa roupa desaliñada
e unha cara redondiña,
anda a palpar as barrigas
das nenas e dos nenos
para a súa ledicia.
Sabe de mociños
que non comen moito
e déixalle nas mans o froito
para que poidan engordar,
quere que coman detodo
pois fiunchiños poderían quedar.
Perderase na noite
o chamado Pandigueiro
e co seu bastón lixeiro
botará a andar e andar
na busca de noviñas vidas
as que poida palpar.
O apalpador de barrigas
chega xunto co nadal.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

 

Dende séculos pasados
panxoliñas de Nadal
unha herdanza galega
de músicas e cantar.
Músicas da terra,
panxoliñas para cear.

Din que deus é galego
que dende Galicia
fixo o mundo enteiro
ao son da gaita
e ao compás do pandeiro.

Logo enviou un santo
nunha barca de pedra
para que a xente galega
fixera unha catedral.

Fixo de Galicia un reino
ao que non deixaron reinar
e agasallounos coa fala galega
cun  sentir que é un cantar,
 deulle as panxoliñas tenras
para adourar e para aledar.  

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao




Rituais en noites máxicas,
amuletos, sortilexios,
un sen fin de desexos
nas puras noites de maxia.
Candeas que se consumen,
chamas que nunca se apagan.
Foto que ilumina o lume
da persoa querida e finada.
Rituais de lembranzas,
noites de agarimos,
reencontro das almas
dos mortos e dos vivos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Ábrense as portas do misterio
na noite escura do Samaín
camiñan as ánimas entre mundos
nunha procesión sen fin.
Óense sons penetrantes,
vense morcegos voantes
e hai máis dun susto sutil.
As cabazas lumieiras
proxectan e alumean,
guían ao espírito
para que non se perda
fan máis misteriosa a noite
 do que xa era.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

 

Teño as flores preparadas,
orballadas e en remollo,
pola mañá xa as collo
e con elas heime lavar.
Recenderei a frescura
de flores da natura,
a auga limpa na cara
que non poderei secar.
Quitaranme calquera mal
a auga das máxicas flores
da noite das moitas cores,
da noite de San Xoán.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb