Neste día de chuvia miúda
xa comeza a andadura do inverno,
o silencio da tarde xa o espera
entre as gotas de orballo preguiceiro.
Neste día calmado de ventos
despídese o outono froiteiro
deixando no chan dos bosques
alfombras de follas e froitos xa secos. 

Xa chegan coa noite máis longa
moreas e moreas de ilusións
 multitude de dispares desexos
mentres xira a roda da vida
sen acougo e sen complexos.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao




Repetímonos de maneira cíclica
cos mesmos xestos
e coa mesma mímica,
cos mesmos feitos
e coas mesmas dichas.

Repítense de maneira cíclica
os mesmos sentimentos
e as mesmas políticas,
as mesmas representacións
e as mesmas películas.

Repítense de maneira cíclica
os mesmos chamamentos
e as mesmas razóns perdidas,
as mesmas situacións,
as mesmas indiferenzas coñecidas.

Repítense desilusións
repítense alegrías,
repítense de maneira cíclica
novos desexos para novas vidas.


 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Novas fechas
Novos proxectos
Novas ideas
Novos traxectos
Novas torpezas
Novos comezos
Novas chuvias
Novos ventos
Novas astucias
Novos desexos
Novas ledicias
Novos lamentos
Novas amizades
Novos sentimentos
Novas costumes
Novos erros
Novas correccións
Novos consellos
Novas cancións
Novos versos
Novas imaxes
Novos espellos
Novos quereres relevan aos vellos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Choverán estrelas
pero ninguén se mollará con elas,
choverán desexos fulxidos
esperarase a que sexan cumpridos.

Fulgor na noite e no ceo,
cada fulxencia un desexo,
unha estrela fulminante
que chega o seu apoxeo.

Bágoas refulxentes,
desexos das xentes,
de esperanzas está o mundo cheo.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Pensamento negativo, 
¿quen o quere?
Eu co positivo
xa vou a onde me leve.

Versos de Xurxo M. Gago Chao


Agradézoche a túa atención cara a min,
acostumáchesme mal.
O día que non me atendas
poderei estar perdido
e por non terme atendido
pasareino fatal.
Quero entenderche sen fin
aínda que ti non me entendas

adoezo por estar contigo.

Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao



Desexos ao longo dun ano
novos sentimentos virán
novas penas, novos enganos
novos soños para alcanzar.
Novas metas, novos retos
novos sentires chegarán
novos gustos, novos sustos
novos ánimos inquedos
novas bágoas por chorar.
Novos sorrisos, novas ledicias
nova vida por fabricar.


Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb