Entre mazapáns e turróns
vai un novo goberno,
unha nova oposición,
 van que meten medo
pisando o acelerador
cara a saída da crise
do paro e da recesión.
Entre noces e polvoróns
 medidas e desilusións,
tan só falta que as digan
para comezar a función.

O primeiro recorte do ano
xa se sabe cal vai ser,
sen chocolate con churros,
tan so leite ou café.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Escrútanse as ideoloxías,
xéranse novas alegrías
pero tamén antipatías.
Saen as rúas emblemas,
distintas cores,
 distintas ideas.
Uns choran, 
outros se aledan,
uns perden o poder
outros co poder se quedan,
hainos que ao poder non chegan.
Novas calmas ou novos problemas.
Novos rumbos, novas políticas austeras.
Novas ordes e novos recortes obrigados por Bruxelas.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Dun modo trobadoresco
vanse escribindo versos
pola recesións nos tempos.
Noutro modo quixotesco
vense muíños xigantescos
pola recesións nos tempos.
Doutro modo máis grotesco
vense recortes dantescos
pola recesións nos tempos.
Nestoutro modo pintoresco
óense carallos boquifrescos
polas recesións nos tempos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Soan xentes a unha soa voz
ante a avaricia feroz
dos que empobrecen a Galiza.
Soan cántigas reivindicativas
por unha vida máis xusta
e mellor repartida.
Soan berros de farturas
dos espíritos loitadores
que loitan berrando nas rúas,
defendendo o seu sustento,
 reivindicando vida. 

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Estanse evaporando
os tempos democráticos
e vanse aniquilando
os principios máis pragmáticos.
Estase camiñando
por camiños moi erráticos
e vaise chegar ao destino
de vivires problemáticos.
Moitos recortes básicos
nestes tempos pouco lóxicos
de orzamentos burocráticos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Foran dirhemes de prata.
Foran Marabedís de ouro.
Fora enchido tesouro.
Fora moeda sangrada.
Fora dobra. Fora escudo. Fora branca.
Fora moeda da espada.
Fora florín. Fora dinar. Fora croat.
Fora moeda gastada.
Foran moedas Vellón.
Foran reais. Foran canelas.
Foran prezados patacóns.
Foron tan so moedas.
Foran motas. Foran dobróns.
Foran céntimos. Foran pesetas.
Agora euros, imposicións,
e ata cruentas e financeiras guerras.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao



Vexo remuíños teledirixidos, 
sociedade malfadada, 
recortes e cartos retidos
e confusión amañada.
Vexo gaivotas azuis voando
 feces nas persoas traballando.
Vexo rendas e arrendadores,
 invencións de moitas cores
para a nova época feudal,
unha nova orde mundial
de tiranos e de ditadores.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


As cousas embelécanse na Eurozona
e a pouco facemos crack,
o cheiro a recortes inxustos
xa comeza a cheirar.
Un cheiro desagradable
que non para de emanar
a pouca razón razoable
que houbo e hai para gobernar.
Tampouco houbo firmeza
da oposición para axudar,
e van tan de rosas
que ninguén vai gañar.
Din que a culpa é nosa
 e por iso, a recortar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Chamádelle “FMI”,
chamádelle “EUA”,
chamádelle “Wall Street”
ou merda que mais dará.

Chamádelle especulación,
logo crise e despois recesión.

Falade da ambición
dun mundo financeiro versátil,
vertedoiro de cartos retráctil,
verxel do diñeiro volátil.

Descóbrese unha “OPA hostil”
e “brokers” máis de mil.

Que se o “IBEX 35”,
que se a divisa e o “Euribor”,
que se o signo negativo,
se tiraran todo o lixo.

Moito “cash” 
moito “crash”,
moita hora bruxa,
 moita merda egoísta xunta.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb