Monumento ao Camiñante Descoñecido
Parroquia de Barallobre, Concello de Fene. [A Coruña]
Fotografías realizadas por © Xurxo M. Gago Chao
Nikon D3100

====================================

O Camiñante Descoñecido

O primeiro de xullo de 1934 festexouse por todo o alto en Barallobre. Inaugurouse naquel dia o Monumento ao Camiñante Descoñecido.

Don Ramón Otero Pedraio participou naquel acto. A súa ubicación orixinal estaba ao pé da estación do ferrocarril. Alí, nun campo de fútbol celebrouse toda a festa. Viñeran os exploradores de Ferrol que durmiran xa a noite anterior en Barallobre. Achegáronse 4 autobuses da Coruña cunha expedición ao fronte da que figuraba o presidente de Amantes do Campo, Manuel Insua. O Monumento ao Camiñante Descoñecido trasladouse en maio de 1984 para a súa ubicación actual, co obxectivo de permitir a eliminación do paso a nivel da via do tren. Naquel momento engadíronselle uns bancos adicados a Castelao, Vilar Ponte e Pérez Parallé; posteriormente se lle adicou outro banco a Bieito Cupeiro.

O "Monumento ao Camiñante Descoñecido", Barallobre, na súa antiga ubicación, preto da Estación do tren. A fotografía é do ano 1934, pouco despois da súa inauguración e foi restaurada.



Máis Información/Fontes:



No ano mil novecentos noventa comeza a Escola Obradoiro Pedra e Mar, cun curso do INEM de seis meses de duración, no centro de A Gándara (Ferrol), no que se instruíu a cincuenta xoves en distintas materias e teorías das distintas especialidades, antes de comezar a etapa de traballo na estrada baixa do porto de Ferrol cun contrato de aprendiz, e onde estaba proxectada a construción dunhas naves para afrontar a construción dun muro de pedra de cantaría, forxa e albanelaría, para pechar e limitar o aceso ás instalacións portuarias da estrada mencionada. Tamén, proxectouse a actuación en diversas praias de Ferrolterra para conservar as dunas e colocar diversos paneis informativos sobre as correntes das zonas en cuestión, algo que correspondeu á especialidade de medio ambiente.

Eu formei parte da especialidade de Forxa, onde aprendín as artes e o oficio da man do experimentado ferreiro Don Vicente Leirachá. Dende o ano mil novecentos noventa até xullo de mil novecentos noventa e dous formeime como ferreiro. Inda que, antes de comezar a construción da verxa forxada, tivemos que construír a estrutura metálica das naves que acollerían as especialidades de forxa, cantaría e albanelaría. Ademais, entre todas as especialidades restauramos os distintos edificios que acollerían as aulas e as oficinas e despachos de dirección. Con todo, saneouse aquela zona vella do porto e converteuse durante ano e medio nunha escola obradoiro, nunha zona revitalizada e dinámica na que se formaron cincuenta persoas en diferentes especialidades.

 

Moitas das pezas da actual verxa forxada foron traballadas por min, moitos puntos de soldadura e, algún cordón tamén. É un orgullo a día de hoxe observar a verxa cada vez que circulo pola estrada baixa, e cando iso pasa, veñen as lembranzas sobre aquel tempo traballando como ferreiro aprendendo do mestre Leirachá. Tamén é certo que aprendín moito dos compañeiros e compañeiras cos que coincidín e dos mestres e mestras que tan ben se aplicaron con nós.


O proxecto consistía en pechar a estrada baixa até a porta do tren, pero o período asignado á escola obradoiro finalizou sen que se conseguise o obxectivo. Polo tanto; a Xunta do Porto de Ferrol, decidiu nos animar, a uns cantos de nós, das especialidades de forza, cantaría e albanelaría, a nos xuntar nunha cooperativa limitada para nos conceder a contrata dos tramos de verxa forxada que faltaban por facer. Finalmente, constituímonos como cooperativa especializada en obras en xeral de cantaría, albanelaría e forxa e encargámonos de continuar o peche da estrada baixa do porto até a porta do tren. E así foi, conseguimos un contrato profesional de operarios de terceira, de seis meses de duración, e comezamos a traballar tendo á nosa disposición as mesmas naves que foran utilizadas cando a escola obradoiro.


Neses seis meses; convertémonos en todos uns profesionais dos distintos gremios e, con esforzo e bo facer, fomos achegándonos ao final do traballo, completando todos os tramos restantes. Conseguimos cubrir boa parte da estrada baixa de muro de pedra de cantaría e de verxa forxada nas mesma forxas construídas nas naves levantadas polo alumnado da escola obradoiro. Toda unha verdadeira historia de progresión profesional e de bo facer, tan bo, que a día de hoxe alí seguen as verxas e os muros a presidir a face máis vella de Ferrol Vello.


Como anécdota, mencionar que, as autoridades portuarias daquela época prometérannos a colocación dunha placa conmemorativa, preto do último tramo de verxa, onde figurarían os nomes de todos os albaneis, canteiros e ferreiros que participamos no peche da estrada baixa do porto de Ferrol, que levaba máis de oito anos pechada á circulación. Pero, por desgraza e para confirmación de que as promesas as leva o vento, a colocación da placa mencionada nunca se produciu.

Queda en nós o orgullo de participar naquel proxecto, e anos máis tarde, xa con fillos e fillas, poder lles ensinar o resultado perdurábel no tempo daquel grata experiencia formativa laboral.

 
Despois da finalización da obra, a nosa Cooperativa Construnor S.L., desfíxose por falta de perspectivas, xa que non íamos ser capaces de competir nos concursos con empresas con mellores medios e recursos que nós, tales como Abeconsa e Dragados, entre outras. Polo tanto, moitos dos integrantes da cooperativa tomaron outros camiños, e ao final, cada un de nós aventurouse a outros retos laborais poñendo fin a aquela aventura empresarial.


Comentar, que a poucos metros de onde traballei durante aqueles anos, naquela estrada baixa do porto, morría a miña bisavoa Leocadia, peixeira atropelada por un autobús da Armada Española un negro día do mes de agosto do no ano mil novecentos sesenta e tres, mentres camiñaba cara a Serantes empurrando o seu carro de rodas, que contiña varios cestos cheíños de sardiñas. A Peixeira Leocadia: http://www.galaicum.gal/2017/05/leocadia.html

A miña vida; os meus herdeiros, o meu destino, sempre ligado a Ferrol Vello…



© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao


Teñen as letras galegas
un mago moi feiticeiro
o eruditas da nosa lingua
Don Álvaro Cunqueiro.
Tan mago, tan enxebre
un home tan galego,
un druída meigo e vello
que enfeitizou de fantasía
ás xentes de Mondoñedo,
logo enfeitizou Galicia
e despois ao mundo enteiro.
O bardo das mil primaveras 
creador enfeitizado
pola maxia que lle chega,
o ulises do antigo reino
 grastrónomo das boas receitas.
Poeta do reverdecemento celta,
mago dos versos,
mestre das prosas,
poeta do si e do non,
vello Sinbad na súa terra.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Anda a repartir castañas
un home de barba poboada
coa roupa desaliñada
e unha cara redondiña,
anda a palpar as barrigas
das nenas e dos nenos
para a súa ledicia.
Sabe de mociños
que non comen moito
e déixalle nas mans o froito
para que poidan engordar,
quere que coman detodo
pois fiunchiños poderían quedar.
Perderase na noite
o chamado Pandigueiro
e co seu bastón lixeiro
botará a andar e andar
na busca de noviñas vidas
as que poida palpar.
O apalpador de barrigas
chega xunto co nadal.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Ábrense as portas do misterio
na noite escura do Samaín
camiñan as ánimas entre mundos
nunha procesión sen fin.
Óense sons penetrantes,
vense morcegos voantes
e hai máis dun susto sutil.
As cabazas lumieiras
proxectan e alumean,
guían ao espírito
para que non se perda
fan máis misteriosa a noite
 do que xa era.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Foran dirhemes de prata.
Foran Marabedís de ouro.
Fora enchido tesouro.
Fora moeda sangrada.
Fora dobra. Fora escudo. Fora branca.
Fora moeda da espada.
Fora florín. Fora dinar. Fora croat.
Fora moeda gastada.
Foran moedas Vellón.
Foran reais. Foran canelas.
Foran prezados patacóns.
Foron tan so moedas.
Foran motas. Foran dobróns.
Foran céntimos. Foran pesetas.
Agora euros, imposicións,
e ata cruentas e financeiras guerras.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Curandeiras peregrinacións.
Milagres de Amil.
Milagres de Caión.
Santos do porvir.
Virxes en procesión.
Doenzas do espírito.
Ánimas liberadas.
Meigallos malditos.
Vidas ameigadas.
Veas de corpos enteiros.
Párrocos curandeiros.
Almas purificadas.
Sortilexios divinizados.
Camiñares que fan chagas.
Camiñares axeonllados.
Crenzas galegas herdadas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Duque, Duquesa,
Marqués, Marquesa,
Conde, Condesa,
Barón, Baronesa.
Castelos herdados,
señoritas de fresa.
Señoritos domingueiros,
glamour de merda.
Cartos herdados,
donos de terras,
terras, terras, terras.
Espolios arrexuntados
ladroa nobreza.
A historia en pedra
é da xente da terra,
nosas son as pedras,
pedras, pedras, pedras. 

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


A nosa raíña poeta
de forzas xa ía esgotada,
a censura a perseguía
e o illamento atrapaba
á poeta Rosalía.

Cando o seu corazón falaba
sempre en galego o facía,
cando con puñais a atacaban
ela coas letras respondía.

Ela de pesimismo sufría
e choraba noite e día
ata na súa poesía.

Non choraba polas súas dores
senón polos da súa terra,
polos ataques a antiga lingua
da mesma xente galega.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb