A lei do karma ben sabe
e a lei da vida tamén,
ámbalas dúas equilibran
os feitos do mal e do ben.

Cunha balanza sopesan
quítanlle a quen máis ten,
bótanlle ao que lle falta
e déixano todo a nivel.

Logo, cando remate a vida
cada unha será repartida
ou ao inferno ou ao alén.


Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Maltrátase, férese,
úsase a dor como arma.
Láiase, insúltase,
saen contusións na alma.
Doen as accións tiranas
que arrincan as liberdades
das persoas humanas.
Violencia da desigualdade,
violencia pretoriana,
home que pega a muller
nin é home nin é nada,
muller que pega a home
tamén é violencia macabra. 

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Viran as chaquetas
como viran do muíño as aspas.
Viran as ideas coma
as hélices metálicas.
Voan as ideoloxías
coma lixeiras bolsas plásticas.
Búscase o sol quente
tempos de frío enchente
e realidades pouco prácticas.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Dun modo trobadoresco
vanse escribindo versos
pola recesións nos tempos.
Noutro modo quixotesco
vense muíños xigantescos
pola recesións nos tempos.
Doutro modo máis grotesco
vense recortes dantescos
pola recesións nos tempos.
Nestoutro modo pintoresco
óense carallos boquifrescos
polas recesións nos tempos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Foran dirhemes de prata.
Foran Marabedís de ouro.
Fora enchido tesouro.
Fora moeda sangrada.
Fora dobra. Fora escudo. Fora branca.
Fora moeda da espada.
Fora florín. Fora dinar. Fora croat.
Fora moeda gastada.
Foran moedas Vellón.
Foran reais. Foran canelas.
Foran prezados patacóns.
Foron tan so moedas.
Foran motas. Foran dobróns.
Foran céntimos. Foran pesetas.
Agora euros, imposicións,
e ata cruentas e financeiras guerras.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Sucesos lacrimóxenos
irritan os nosos ollos
coma a picante cebola,
 laian os pensamentos
tralos sucesos patolóxicos
nunha sociedade tola.

Caese nun decaemento,
decaemento case lóxico
polo inminente futuro
que chega e afoga.

O sentimento positivo
non supera o negativo,
caen versos críticos
 dun xeito imperativo,
a vida chora que chora.

Vese ao lonxe unha abertura,
abertura de esperanza nova;
quen pode, se quere, a toma.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Cheiros pestilentes
petroquímicas din ser inocentes,
gases nocivos para o ambiente
vertidos de gasóleo e aceites.
Fumes tóxicos nas cidades,
aires nas sucias costas que repelen,
¿os humanos e as súas necesidades?

Non ten dono a natureza
e é a esencia da realidade
o aluguer da humanidade
aínda que non o pareza.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Fins do mundo profetizados;
novas ordes mundiais,
fin do ciclo para os humanos,
extincións para os animais.
Arrepíos en tempos fríos;
arrepíos en tempos chegados,
arrepíos pola vida coma escravos,
arrepíos polo ataque dos diaños.
Nunca chega o profetizado
sempre segue o mundo xirando
e seguen globalizando,
 seguen os pobres morrendo
 e seguen os ricos mirando.
Novas ordes están gobernando!

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao



 A inconsistencia é insegura,
a incoherencia é loucura,
e a inconstancia lixeireza pura.
A inconsciencia non madura,
a inconsecuencia é todo dúbida,
e a intransixencia é ditadura.

A aparencia non é nada

sen o complemento da alma,
sen o carácter do espírito
e sen a mente humana.


A vida é aventura,

e é desventura e é palabra.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao





Somos servos da natureza,
semente do verxel da nosa terra,
dunha terra que latexa
sen que o humano interceda.

E hai humanos carbúnculos para ela

que escarallan todo aquilo
que a liberdade lles deixa
pois confunden o ser libres
con facer o que eles queiran,
pero libre é a natureza.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Haiche moitas mensaxes,
 tantas ideas como traxes
e de sobra inconformismo.
Haiche variadas relixións,
multitude de opinións,
pero carencia de comprensións.
Haiche moito cinismo.
Haiche moita imposición,
haiche moitas batallas
entre as moralidades e as razóns
que levan ao abismo.
As mensaxes son a clave
o difícil son as súas recepcións.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Son milleiras as persoas verdadeiras.
Porén, haiche moita tangariñas
ante tanto tangomango,
moita tantariñada
por tantariñar,
moito tantariñas
e moito tangarañado
que se queixa por queixarse
cando as cousas no lle saen.
Pero son milleiras as persoas verdadeiros.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb