Dúas almas 
fuxiron nas tebras da noite
do estoupido xerado
polo vapor incandescente
dun buque desleixado, enferruxado,
de feble saúde, queixoso e vello,
sen a atención sanitaria precisa
e con escasos apoios paliativos;
dúas almas xoves,
xa sen vida corpórea,
fuxiron vítimas do ferro desgastado
e das gretas,
suntuosamente incompresíbeis
dun sistema tubular deteriorado
sentenciado coma culpable imaxinario.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

Nas tebras dunha noite de decembro
tremeron as augas da ría ferrolá,
tremeron as vidas,
tremeu o vento
e fuxiu coa chuvia
unha parte da dignidade humana.
O forte estrondo do buque
anunciou a chegada da propia morte,
e a luz partiu cara ao ceo
e a cheminea vomitou vapor e dor.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

A vida amosa con feitos fidedignos,
e con aquelas sentencias inxustas,
que a impunidade ás veces gaña,
ficando a verdade deturpada,
ficando a sensación de xustiza imperfecta
e o terríbel convencemento
de que sermos febles vermes
expostos e medorentos
para sermos esmagados
polas solas dos grosos zapatos
dos necios poderes fácticos
que azoutan as nosas vidas.

Hai que estar alerta tras as queixosas mensaxes da vida!



 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Cabo de ano, 
tempo foi,
erro humano,
 xustiza non.
Cabo de ano, 
lembranza e dor,
mentiras e enganos,
 amianto e vapor.
Cabo de ano, 
negras cores,
honra e flores,
 xustiza non.

E logo, Xustiza, non chegas?
E acaso, faste esperar?
Que che faltan as evidencias?
Nalgúns casos hainas e tardas igual.

Ou, ti, ¿xustiza te chaman?
Non digas, non digas, que tal.
Despois dunha inxustiza anos pasan,
unha eternidade para un xusto xulgar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Ben se sabe onde estabamos
naqueles anos pasados
naquelas importantes datas
dos inesquecibles calendarios
pois os círculos vermellos
sinalan os sucesos marcados
e quedan na mente impresos
e na memoria trabados.
Ben se sabe dos días que van
e dos seus sentimentos xerados.
Ben se sabe que non esmorecen
os tristes feitos lembrados.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao




Sermos avatares duais,
temos vida na terra
e vida nas redes sociais.
Sermos reais, sermos dixitais.
Sermos dubitativos, quizais.
Sermos perfís en palabras.
Sermos imaxes retocadas.
Sermos listaxes.
Sermos persoas etiquetadas.
Sermos feitos, sermos lembranzas.
Sermos o que facermos
nas nosas rutinas diarias.


 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Feitos que vos repetides
 o voso propósito cumprides.
Feitos noutrora esquecidos
 de novo son revividos
para lembrármonos deles.
A mente nunca esquece
os sentimentos sufridos 
pois nunca desaparecen.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao
.
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb