Xa se preparan as uvas
para o ben de quen as tome
sendo cada uva un desexo
ata chegar ata as doce.
Xa se preparan candeas
para que as mesas decoren.
Xa se axustan os reloxos
para marcar  medianoite.
Xa é hora do novo ano
pois ao vello venlle a morte.
Xa esperan novas vivencias
e novos refugallos de sorte,
novos cambios e novos rumbos
sen perder de vista o norte.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Entre mazapáns e turróns
vai un novo goberno,
unha nova oposición,
 van que meten medo
pisando o acelerador
cara a saída da crise
do paro e da recesión.
Entre noces e polvoróns
 medidas e desilusións,
tan só falta que as digan
para comezar a función.

O primeiro recorte do ano
xa se sabe cal vai ser,
sen chocolate con churros,
tan so leite ou café.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Anda a repartir castañas
un home de barba poboada
coa roupa desaliñada
e unha cara redondiña,
anda a palpar as barrigas
das nenas e dos nenos
para a súa ledicia.
Sabe de mociños
que non comen moito
e déixalle nas mans o froito
para que poidan engordar,
quere que coman detodo
pois fiunchiños poderían quedar.
Perderase na noite
o chamado Pandigueiro
e co seu bastón lixeiro
botará a andar e andar
na busca de noviñas vidas
as que poida palpar.
O apalpador de barrigas
chega xunto co nadal.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

 

Dende séculos pasados
panxoliñas de Nadal
unha herdanza galega
de músicas e cantar.
Músicas da terra,
panxoliñas para cear.

Din que deus é galego
que dende Galicia
fixo o mundo enteiro
ao son da gaita
e ao compás do pandeiro.

Logo enviou un santo
nunha barca de pedra
para que a xente galega
fixera unha catedral.

Fixo de Galicia un reino
ao que non deixaron reinar
e agasallounos coa fala galega
cun  sentir que é un cantar,
 deulle as panxoliñas tenras
para adourar e para aledar.  

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao




Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb