Arrepíanse os cabelos
por causas que non sabemos
e ao mellor da medo saber.

Agarimo dun espírito,
imperceptible roce na pel,
cóxegas na caluga,
cóxegas na punta do pé.

Achegamento entre as almas,
flores a recender,
compaña dunha noite,
despedida no amencer.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao 


Trócase o tempo
chega máis cedo a noite,
dúas veces nas dúas
as campás no seu redobre,
coma nun pesadelo dobre.
Non sei que dirá o tempo
dos minutos que lle rouben,
na vida non é que sobren.
Ao corpo fáltalle tempo
entre soños esquecidos
e a mente vai buscalos
aló onde os tempos perdidos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa cedo desvanece o día.
Xa logo chega a noite.
Xa estamos no mes de outubro.
Xa logo chega o mes doce.
E o ano, xa esmorece.
Hai nada que veu un novo
xa case transcorreu todo
faltándolle tan so dous meses.

Xa veñen as tardes escuras
de entrañables estancias na casa,

de húmidas e molladas rúas
e de desoladas praias.
Xa veñen as tardes de estudio
 de caseira actividade,

xa se prenden cedo as luces
ante a pronta escuridade.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

É noite irmandiña
na terra miña
asáltase o castelo da tiranía,
chegan os irmandiños
coa súa algarabía,
é noite de fachos e de xustiza.
Castelo ardente,
queimada fervente,
música da terra
liberdade no ambiente.
Unha doce noite enxebre,
sentires dunha terra alegre.

  Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb