Vender como progreso a gran industria no medio dunha ría poboada é hipocrisía. Querer gabar a historia dunha cidade porque durante centos de anos fose utilizada para a construción naval, é hipocrisía. Non querer ver outras vías de progreso que non sexa a construción naval, é hipocrisía. Querer manter unha regasificadora nunha ría, poñendo en perigo a un amplo núcleo de poboación ao seu redor, poñendo de escusa a perda de sesenta e cinco postos de traballo contra un núcleo de poboación de máis de oitenta mil persoas, é hipocrisía. E niso estamos, rodeados de hipocrisía. 

Hoxe en día os hipócritas afirman que é progreso facer barcos de guerra nos estaleiros ferroláns, venden como progreso e carga de traballo unha encarga de barcos para Arabia, por exemplo. [Modo retranca ON: un país exemplar, que ten cartos, que vai utilizar eses buques para manter a paz no mundo. Modo Retranca OFF.] Os hipócritas venden como progreso horas de traballo e soldos para moitos obreiros poñendo por diante isto a calquera circunstancia negativa que afecte á sociedade, hipocritamente o importante é a carga de traballo e non para quen se traballe, nin de onde veñan os cartos. Iso chámase egoísmo, egoísmo hipócrita. 

Os hipócritas non dan pé a outras alternativas para o futuro ferrolán, facer buques e buques, buques militares, especialidade da empresa. Buques dos que lanzan mísiles e matan xente, xente que comeza a morrer e a ter data de caducidade dende o primeiro momento no que se entregan. Buques e cartos; cartos e buques, buques, cartos e carga de traballo, buques, cartos, carga de traballo, xogos de guerra, mortes, todo igual a hipocrisía.

Os hipócritas venden como progreso estaleiros para a construción de buques de guerra na nosa ría ferrolá; no Sinus Artabrorum, no golfo ártabro, un lugar con vestixios do progreso de antano como a desleixada Vila de Noville. En Noville, na ría ferrolá, durante os séculos III e IV houbera progreso. Houbo progreso na ría ferrolá moitísimo antes dos impostos estaleiros dos reis españois, quen secuestraron a nosa ría para o comezo das súas guerras imperialistas séculos despois. A ría ferrolá era un verxel moito antes de que esta acollese aos estaleiros reais, a ría ferrolá era unha ría naturalmente depurada, un viveiro de marisco e peixe, un paraíso para os habitantes que poboaban os seus redores. Antes da chegada dos impostos estaleiros imaxino Ferrol como unha pequena aldea dependente de si mesma e chea de recursos aos que recorrer en caso de necesidade. Imaxino unhas augas limpas e libres de metais pesados e de plásticos. Imaxino á xente do lugar saíndo ao mar en pequenas embarcacións improvisadas de madeira, imaxino tráfico de pequenas embarcacións cruzando de banda a banda a ría. Toda aquela abundancia; todo aquela tranquilidade de vila pequena, comezou a minguar no momento da chegada dos ilustres iluminados do centro da península ibérica, tan doutos e intelixentes eles, tan inxenuas as xentes ferrolás da época, por prestárense a seren usadas como man de obra barata. Hoxe en día continua a ser así. Segundo afirman algúns interesados historiadores, os habitantes da zona deberan dar as grazas de que a ría ferrolá fose elixida como base naval e como berce dos buques da armada española. [Modo retranca ON]: Quizais deberiamos darlle as grazas a aqueles reis, nobres e militares  iluminados por contribuír, permitir e consolidar, a contaminación durante tantos anos e séculos da nosa ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas por non permitir outro progreso que a creación de buques para guerras coa escusa da defensa da patria. Quizais deberiamos darlles as grazas, por exemplo, ¿por matar xente outrora en nome de España con buques feitos en Ferrol?, ¿por ser Ferrol unha base naval da OTAN co perigo colateral que pode supoñer para a cidade en caso de conflito?, ¿por depender de Madrid a clase obreira ferrolá? Deberiamos dar as grazas por non poder aproveitar todos os recursos que ofrece unha ría limpa, depurada, libre de vertidos e metais pesados? Quizais, todos os ferroláns e as ferrolás, deberiamos darlle as grazas a esta xente imperialista por facer da nosa cidade o berce de onde partiron moitos buques para dar morte a xente inocente. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por encher de metais pesados as nosas augas durante séculos e por botar millóns de vertidos ás augas da nosa ría, por contaminar as nosas augas e ás especies que nelas viven. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por contaminar o marisco e o peixe da nosa ría e darlles as grazas por toda aquela persoa que enferma co tempo por consumir produtos contaminados da ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas a todos aqueles que con moitos enredos presuntamente corruptos conseguiron instalar unha regasificadora no medio da nosa ría e por proporcionar emprego a máis de sesenta persoas e poñer en certo e razoable perigo a outras oitenta mil. Quizais deberiamos dar as grazas a todos os buques militares que pasaron pola ría de Ferrol e a todos os que a ría ten coma inquilinos na base naval ferrolá, quizais deberiamos darlles as grazas a todos eles por verter merda ao mar da nosa ría durante moitísimo tempo; quizais, tamén, deberiamos dar as grazas aos militares que se cren donos dela en todos os sentidos. Quizais deberiamos darlle as grazas a todas as autoridades que mostran desleixo cara a depuración da ría e cara a un verdadeiro control de vertidos na mesma. Quizais deberiamos comer merda que está máis fresca! [Modo retranca OFF].



Considero de vital importancia para o futuro de Ferrol a finalización da construción naval de buques de guerra na ría, deberíase abrir á empresa nacional cara ao progreso da produción e da innovación limpa, camiñar cara a autosuficiencia enerxética do planeta, procurando novos mercados e novas producións innovadoras que permitan aumentar o emprego entre os habitantes de Ferrol. O caso é querer, o caso é que Ferrol queira e decida por si mesma, sen deixar que decidan os dos uniformes, os do centro, os dos xogos de guerra, os que teñen secuestrada a nosa ría para que non progrese. E o caso é que esperten os peóns que non queren ver outra alternativa que a de facer os buques de guerra que lles mandan sen mollarse a esixir novas alternativas, outras cargas de traballo. Cargas de traballo si, pero, ¿que carga?, ¿para que?, ¿de quen?, ¿que progreso trae a cidade?, ¿cartos tan só?, ¿meses de subsistencia quizais?, ¿e logo?, ¿máis buques?, ¿máis guerras?, ¿máis mortes?, ¿máis manifestacións para novas carga de traballo? Máis contaminación para a ría? E o progreso? Onde está?

Considero vital afastar a regasificadora do núcleo de poboación, que regasifiquen fóra, no porto exterior, tal e como ofrecía o proxecto inicial antes da suposta ou presunta cadea de corrupcións que levaron a aloxala no mesmo medio da ría ferrolá. O demais son escusas hipócritas de xente interesada. 

Ferrol debería esixir ao estado español a devolución dos territorios ocupados, máis dun 20 % do territorio total ferrolán. Ferrol debería solicitar a devolución de todas as instalacións militares ocupadas na cidade e tería un amplo abano de oportunidades para poder progresar de verdade. Ferrol ten secuestradas as súas fiestras ao mar, o pobo ferrolá debería esixir a súa devolución e non prestarse ao xogo do propio estado que tenta facer negocio coas propiedades en desuso, non as devolve se os ferroláns non soltan cartos, cando aquelas propiedades foran requisadas no seu momento. A nosa terra asoballada, maltratada, sempre utilizada para o ben do poder centralista e para o mal dos seus habitantes. 

Considero vital o funcionamento óptimo das depuradoras na ría, a posta en marcha de viveiros de mariscos, a restrición da circulación de buques de gran tonelaxe, a creación de cooperativas e plataformas cidadás para organizar a repartición e a explotación das moitas zonas marisqueiras que podería xerar a ría unha vez depurada na súa totalidade. Imaxino un bo   progreso, un progreso san e acorde co medio no que vivimos, sen perturbalo innecesariamente coa escusa de que non hai outra maneira de progresar. Temos unha ría preciosa que ben coidada e organizada podería chegar a ser “aquel verxel” de recursos para todos os habitantes de Ferrolterra.


Porén, de aquí a dez anos, se isto non cambia, imaxino que o marisco desaparecerá da nosa ría; que as manifestacións continuarán nas rúas para esixir carga de traballo, que os buques militares seguiran circulando polo Sinus Artabrorum, que gaseiros inmensos frecuentarán a nosa ría coa ameza que supón para a cidade. Imaxino que a ría ferrolá ficará cada vez máis perturbada. Supoño que ninguén antes imaxinou que, un día calquera, un descomunal buque estrutura, ía partir pola metade a ponte das Pías, pero sucedeu. A prensa ferrolá gabou recentemente a entrada, cara á regasificadora, do buque de maior eslora que entrou na nosa ría. Sigan gabando señores, sigan xogando, que igual un mal día toca, e vós, seredes cómplices dos culpables. 

O caso é que os hipócritas non queren ver, sempre son os abandeirados da razón, e coa bandeira da razón hipócrita o progreso verdadeiro nunca chegará a Ferrol.

Escrito de opinión creado por © Xurxo M. Gago Chao


Miro para eles ao falar, pero xa non miran aos ollos. Por suposto, é cuestión de cada quen decidir o que lle interesa, pero isto xa é un non vai máis. Estás a falar e, de súpeto, o móbil que teñen nas mans pasa a ser a súa única atención, e ti falas para o ar. Préstanche máis atención enviándolles unha mensaxe polo whatssap que falándolles a gritos ao carón da súa orella. As novas xeracións de hoxe en día camiñan cara ao illamento das persoas en burbullas pechadas. A sensación que lles provoca o envío e recepción de mensaxes, os gústame, os chíos e demais caralladas tecnolóxicas, son coma un potente droga que os mantén ligados ao celular de maneira súper aditiva até o punto de non prestar atención a nada máis que non sexa o que din as pantallas dixitais destes aparatos do demo.

Ninguén comenta nada sobre a posible e longa exposición ás radiacións que poidan emitir estes dispositivos e os efectos negativos que poidan provocar estas ondas nos xoves cerebros da mocidade en idade de crecemento. Os Wifi non se apagan pola noite, e non está demostrado que sexan inocuas as ondas que emite. Certamente, as empresas de telecomunicacións dispoñen de dispositivos modernos que reparten conexións de internet a millóns de fogares do mundo co beneficio que supón para os cidadáns estar conectados á rede e co correspondente beneficio económico que perciben as mencionadas empresas, pero tamén é certo que pouco informan dos efectos que estes poden provocar nas persoas tras unha longa exposición a eles, tamén é certo que é complicado demostrar que unha enfermidade provén do uso de certas tecnoloxías, mais con iso xogan. A cegueira dunha boa parte de seres humanos estaos a converter en seres tecnolóxicos enfermos, seres comunicados dende unha burbulla pechada afastándose das verdadeiras relacións humanas de tu a tu, das olladas aos ollos cando se fala, da lectura de libros, a tecnoloxía está a roubar a imaxinación de moitas persoas, as primeiras, as máis débiles, a mocidade.

Os móbiles, as tabletas e demais aparellos de comunicación vía internet están a roubar un tempo precioso de conversas e sorrisos cara a cara, as comunicacións co teléfono está afastándose moito da súa verdadeira función de comunicar, o que está a facer é incomunicar ás persoas dos demais e de si mesmas.



As redes sociais son escaparates do engano, son ferramentas nas que abondan os mentireiros e os inxuriosos, cheas de sabelotodos, inundadas de falsos profetas e de contas falsas feitas por empresas de comunicación para algún tipo de campaña comercial ou mesmo política. Xa nada é o que era. Lembro aqueles bos comezos do Facebook e do Twitter inda pouco contaminados, agora convertéronse nunha selva cunha extensa vexetación de despropósitos. Dá moito medo que os nosos fillos e fillas estean expostos a tal despropósito tecnolóxico, pero o certo é que se non os deixáramos utilizar estes aparellos estariamos excluíndoos socialmente, algo que non desexamos para eles de ningunha das maneiras. Pero si temos o deber de controlar, guiar e educar o tempo de exposición dos nosos xoves a estas tecnoloxías. Ademais, é imperativo o control dos pais e das nais sobre uso que os rapaces e rapazas lle estean a dar ao móbil, antóllanse necesarias unha serie de regras a cumprir para que non esmorezan as conversas e os sorrisos cara a cara, para que poidan volver os tempos de lecer no que non sabían que facer, aqueles tempos nos que os xoves ao non saber que facer púñanse a ler, ou a pintar, ou crear calquera cousa. O aburrimento levaba á creatividade, levaba ao esforzo para pensar novas formas de divertimento, obrigaba a traballar a imaxinación e polo tanto aumentábaa. Agora, a imaxinación morre enferruxada por mor da preguiza que lles provoca calquera outra cousa que non sexa a pantalla dixital do celular.

Que cada quen actúe como lle conveña, pero non fomentedes máis o roubo da imaxinación da nosa mocidade, deberiades teimar pola volta ou o mantemento da comunicación verbal, dos bicos reais e das apertas fondas e sentidas in situ e non no espazo cibernético. 


Escrito de opinión creado por Xurxo M. Gago Chao


España é un país no que a xente co seu voto bota merda sobre si mesma. España é un país no que a xente co seu voto facilita a perda de liberdades. España é un país no que a xente co seu voto propicia que se instaure durante anos a corrupción política nas entrañas de todo o seu estado. España é un país no que a xente co seu voto dálle o poder a xente sen escrúpulos que favorece aos bancos pola súa propia conveniencia, ás corporacións e aos poderes económicos en detrimento do progreso e da prosperidade da propia cidadanía que os vota. España é un país no que a xente co seu voto favorece a imposición do idioma castelán en todos os ámbitos da vida en detrimento das linguas históricas das autonomías históricas, é un país que rexeita, destrúe e manipula a historia diferenciada doutros territorios da súa propia península. España é un país no que a xente co seu voto posibilita que o poder político negocie coas empresas enerxéticas para o enriquecemento e benestar das elites en detrimento do investimento, investigación e expansión dos novos tipos de enerxías libres e renovábeis que proporcionarían benestar ao conxunto total da sociedade. 

España é un país no que a xente co seu voto axuda a que goberne un partido que debería estar ilegalizado por corruptelas políticas e financeiras que causaron, e seguen a causar, graves prexuízos para o conxunto da súa propia nación. España é un país no que a xente co seu voto durante décadas permite que centos de cadáveres de persoas asasinadas en nome da súa patria permanezan agochados, ocultos e desprezados nas leiras. España é un país no que a xente co seu voto permite que os políticos manteñan unhas Forzas Armadas antidemocráticas, non democratizadas, ancoradas nun pasado ditatorial e cuxa lexislación non está actualizada aos tempos que corren, é un país que reserva a aplicación dos artigos 5 e 6 do Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais na medida en que fosen incompatibles coas disposicións que, en relación co réxime disciplinario das Forzas Armadas, contéñense no título XV do Tratado Segundo e no título XXIV do Tratado Terceiro do Código de Xustiza Militar. España é un país no que a xente co seu voto permite que perdure no tempo a existencia dunha inxusta “Xustiza Militar” enchida de pegadas ditatoriais, caduca, ineficaz e innecesaria, que favorece a represión das persoas e o corporativismo imposto en detrimento da Xustiza Xusta. España é un país no que a xente co seu voto dálle ás aos propios gobernantes para que lle poñan límite as súas propias liberdades de expresión. 

España é un país no que a xente co seu voto permite que se adopten decisións contra eles mesmos, reiteradamente está demostrado que España é un país onde os seus propios votantes tiran pedras sobre o seu propio tellado. España é un país no que votantes republicanos permiten que o seu propio partido republicano favoreza a continuidade dunha monarquía parlamentaria. España é un país onde a xente co seu voto elixe gobernantes que permiten e fomentan a manipulación de prensa por unha u outra ideoloxía en detrimento dun verdadeiro periodismo libre e desinteresado que verdadeiramente achegue a súa función á cidadanía. España é un país no que a xente co seu voto se rexeita ata así mesma.

España é un país no que a xente co seu voto permite un sistema monetario inxusto e desigual no que os favorecidos son as grandes elites e as grandes corporacións sendo desfavorecido o conxunto da cidadanía. España é un país no que a xente co seu voto permite a permanencia de produtos tóxicos en numerosos alimentos que consume. España é un país onde a xente co seu voto permite que as empresas farmacéuticas teñan o control total das nosas vidas. España é un país onde a xente co seu voto permite que os “poderes fácticos” controlen estamentos do país que deberían ser senlleiros e independentes para unha boa organización como estado democrático e de dereito e para un cumprimento xusto, igualitario e equitativo de todos os dereitos e liberdades da cidadanía. 

España é un país onde cada voto debería ser meditado con profundidade, onde cada candidato debería pasar uns test psicolóxicos e culturais excepcionais, onde debería gobernar alguén con verdadeira moralidade e xusta filosofía de vida que represente e traballe imperativamente polo beneficio do conxunto cidadá e non polo beneficio dos seus amigos, das súas amigas corporacións, das imposicións impostas por países autoritarios e pouco libres que puidesen marcar o noso vagar, e ata das súas propias e egoístas ideoloxías. Parte de España segue ancorada no pasado, segue sendo inxusta, egoísta, prepotente, necia, ditatorial, ladroa de historia, de liberdades e de dereitos. E esta non é unha lenda negra. Non é lenda senón realidade. Negra é a alma dos escuros e durmidos que conceden votos á xente corrupta e indecente, á xente inxusta e interesada que con estratexias maquiavélicas goberna, e que, con necidade teima para que perdure a desigualdade e a maldade no mundo.


Artigo de opinión creado por Xurxo M. Gago Chao


Camiñando pola rúa do cárcere en Ferrol Vello topei cunha señora de máis de setenta anos que me preguntou o porqué de facer fotos ás casas derrubadas, comecei a contestarlle argumentando que era unha mágoa a situación do barrio, pero a señora non me deixou continuar falando e dirixiuse a min dicindo:

- Mira perdona, a mí háblame en castellano que el gallego no lo entiendo. Yo primero soy española y luego gallega.

Incríbel. A miña cara dicíao todo. Contesteille:

- E logo señora? Crese vostede máis española ca min porque eu lle falo en galego? 

Xa non quixen escoitala, pois o volume e a actitude irrespectuosa da señora cara a min fíxose máis agresiva, inda así argumentou:

- Yo soy de aquí, de Ferrol de toda la vida, pero nunca hablé gallego ni lo voy a hablar ahora, estuvo prohibido muchos años y yo ahora no lo voy a aprender.

Comenteille á señora que a miña familia tamén era de Ferrol de toda a vida, que inda sendo de Ferrol de toda a vida entende e fala galego, que moitos integrantes da miña familia tamén viviron a época de prohibición do galego e a imposición do castelán, pero non por iso renegaron da fala galega e moito menos lle dirían a ningún galego que non falase galego na súa terra. E iso de saltar coma que ela era española antes que galega? Vaia tópico ¿non? Vaia incongruencia tola! A señora xa comezaba a etiquetarme coma nacionalista independentista polo simple feito de falar en galego e eu a argumentarlle que o normal na miña terra era falalo. Cortei de inmediato e continuei o meu paseo dando por finalizada aquela conversa, máis que nada por non faltarlle ao respecto dalgunha maneira á señoriña. Ás veces pasan cousas tan sorprendentes que un xa non sabe como afrontalas no momento e é preferible conterse e camiñar, camiñar axuda á reflexión.  

E camiñando e reflexionando sinto vergoña allea por aquela veciña señora, tan española, tan bastarda da fala da súa terra, tan de toda a vida de Ferrol. E, tamén, camiñando, reflexionando, sinto unha tristeza inmensa pola gran cantidade de persoas que rexeitan o galego na cidade de Ferrol. Ben certo é que as pegadas da ditadura deixaron ben marcada a manipulación españolista en moitas vellas mentes de Ferrolterra, mentes que continúan a transmitir ás novas xeracións aquelas pegadas manipuladoras que menosprezaban a lingua galega e condenábana ao ostracismo máis absoluto para o ben do falar castelán. O galego non ten futuro afirman, o galego non vale para nada, ¿y luego, ahora hablas gallego?, ¿Pero para qué galleguizas tu nombre?, entre outros moitos despropósitos. Incríbel. 

Moitos comentarios veño de aturar dalgúns coñecidos da cidade dende que galeguicei o meu, dende que decidín levar unha vida de galegofalante. Pasei a converterme nun estraño para algúns, quizais convencidos das miñas poucas luces ou tolemia por decidir me entregar a un firme compromiso coa lingua galega despois de vivir máis de trinta anos sabendo falar o galego castrapo contaminado de Ferrolterra pero falando castelán. Comentarios e preguntas deste tipo son normais no meu vagar como neofalante nestes derradeiros seis anos: Bua neno! ¿Pero tú flipas?, ¿ponerte a hablar gallego ahora con más de cuarenta años? ¡Pero si tú eres Jorge de toda la vida! ¿Y ahora que hablas gallego? ¿Qué eres un galleguista deses? ¿Qué eres un reintegrata? ¿Qué eres un nacionalista independentista? Ya te vale! Yo te voy a llamar Jorge que decir Surso (Xurxo) no me sale.

Comeza modo retranca: Claro, claro que si. Vaia escándalo, ¿non si? Como puiden cometer semellante falcatruada, cambiar o meu nome castelán para o seu equivalente ao galego, xa me vale. Perdín o tempo estes seis anos por teimar e aprender galego e incluso portugués, que iluso fun, podendo falar só castelán e ler só en castelán para ser un español de casta e puro como lles gusta a moitos veciños e veciñas de Ferrolterra, canto máis mirar para fóra mellor e canto máis desleixo ao noso máis progreso. Que inútil fun! Que parvo son que falo galego! Finaliza modo retranca. 

Falo galego na Galiza porque é a lingua da miña terra. Sinto vergoña allea por toda esta xente veciña de Ferrolterra, tan dada a poñer máis en valor o de fóra que o propio, tan dada a saber de todo e a desprezar os demais. En Ferrol hai un tipo de sociedade que ten que escusar o seu propio fracaso por non ser partícipe do uso da lingua propia da súa terra. Que vergoña! Moitas persoa van de cultas, crense cultas, están convencidas da súa sapiencia. Moitas persoas saben, saben de cultura española, saben de castelán, de inglés, francés ou italiano, coñecen moitísimos artistas que saen na tele, gaban figuras de fóra en detrimento das do lado da casa; en troques non saben nada, nin queren saber, do transcorrer histórico da lingua e da literatura da terra onde naceron, renegan da súa fala porque non é o progreso, cren que se o fan converteranse en nacionalistas independentistas. Cren, téñeno interiorizado, que non achega nada poñerse agora a teimar co galego, prefiren contribuír a negalo, a esquecelo, a repudialo, até a solicitar que non lles falen na nosa lingua porque non a entenden. Lonxe queda que poidan chegar a ler publicacións en lingua galega coma o Tío Marcos da Portela, A Fouce, A Nosa Terra ou Nós, fiel exemplo do vagar da nosa lingua, da nosa historia cultura e tradición, onde verdadeiramente poderán descubrir o que se están a perder da historia da súa terra e do dano que están a facer a todo o traballo realizado durante anos e séculos por ilustres homes e mulleres que entregaron a súa sapiencia para o rexurdir a nosa fala antiga. 


Lonxe queda, que esta xente tan españolista poida descubrir os excelsos talentos das escritoras e dos escritores en lingua galega e poidan chegar a mergullarse na aprendizaxe dos estudos galegos. Lonxe queda que moitos veciños e veciñas poidan manter conversas con algún galegofalante sen botarlle en cara o seu falar e sen escusarse de que non o fala porque estivo prohibido. Lonxe queda o esmorecemento deste desprezo cara á lingua galega. Vexo un Ferrol máis prepotente que nunca, un Ferrol que lle está a dar as costas, por exemplo, ao ilustre profesor Don Ricardo Carvalho Calero limitando a súa homenaxe a poñerlle un nome a un Centro Cultural, cando foi o home máis culto de Ferrol no seu momento, peza vital no desenvolvemento lingüístico das nosas letras. Non hai actos oficiais, nin institucionais para homenaxealo, nin no seu propio Ferrol. O espírito do culto home segue a sufrir o mesmo menosprezo que está a sufrir a súa propia casa natal, todo un claro exemplo do abandono e o desleixo dos ferroláns cara si mesmos. A hipocrisía ferrolá do século XXI. Como todos os anos, a teima e o traballo da Fundaçom Artábria (xa levan 27 anos homenaxeándoo) contribuíu novamente a pór en valor a súa figura e a lembrarnos a moitos que a súa obra inda está aí para poder lela, estudala e aprender da inxente contribución de Don Ricardo á nosa literatura.

Canta razón tiña Rosalía e tantos outros escritores e escritoras en lingua galega, cando nos seus poemas e diferentes escritos plasmaron o espírito bastardo de moita sociedade galega que renega do seu para entregarse por completo ao imposto ou ao vendido coma progreso, a fala castelá. 

Na Galiza fala galego, se non o sabes, apréndeo. Non che  dá vergoña non saber a lingua propia dos teus devanceiros? Cómo lle explicas a alguén de fóra que na túa terra hai unha lingua e ti non a sabes falar? Cómo se pode ir de eruditos da vida sabendo de todo, querendo coñecer de todo menos a lingua propia da túa comunidade? Todo isto vai a contracorrente. E é un indicativo do manipulada que está moita xente galega, enferma do virus da negación da súa propia cultura, historia, literatura, toponimia e etimoloxía. Inda subsisten algunhas tradicións, moitas delas vinculadas coa alimentación, con comer, claro, a estas se apuntan todos e todas, aí son os máis galegos, sáelles a vea patria defendo o polbo e os marisco e a boa comida da terra, pero logo rexeitan a fala e todo o mencionado anteriormente. Na miña terra haiche moitos profesionais das escusas por renegar de si mesmos. 

Escrito de Opinión creado por Xurxo M. Gago Chao


“Mujeres hermosas y desdichadas que no conocéis más vida que la servidumbre, abandonad vuestras constumbres queridas, en dónde se conservan perennes los usos del feudalismo: huid de esos groseros tiranos y venid aquí, en donde la mujer es menos esclava, pero en donde se le concede siquiera el derecho del puder y de las lágrimas.” La Hija de Mar - Rosalía de Castro.

Vés de soportar durante séculos ás imposicións dun mundo patriarcal que te usa coma obxecto, que venera o teu corpo pero maltrata a túa mente, vexándote, menosprezándote coma ser humano digno de autosuficiencia. Inda; hoxe en día, para os dicionarios da lingua sodes o sexo débil, a sociedade non avanza, o machismo sobrevive e o maltrato está a orde do día. O peor de todo é que inda hai quen nega os feitos, inda hai quen di que o maltrato é recíproco e que homes tamén o sofren. Ninguén negará que casos haxa, pero sendo realistas; sábese, vese, más aló das evidencias, das enquisas, que maltratan máis homes a mulleres que mulleres a homes. Certo é que a necidade fai que moitos non sexan quen de saíres da súa propia sen razón.

Muller, vés de soportar inxurias e prepotencias. Vés de soportar miradas de homes por riba do ombreiro. Até a mesma Rosalía tivera que soportar o menosprezo daqueles homes intelectuais doridos por ver as publicacións firmadas por unha muller valente e atípica, pero lembra a súa teima, lémbraa coma muller ponderada, colle exemplo dela, tira para adiante a loitar contra os felgos machistas, faite valer.

Muller, non te deixes nunca dominar por un home, ambos sodes libres, libres para amar, libres para progresar, libres para vivir segundo as vosas inquietudes.

Non creo nunha guerra entre sexos, fuxo dos –ismos, non quero loitar por ser mellor que ninguén, quero camiñar ao lado de calquera persoa que de maneira elocuente saiba apreciar ás persoas e respectalas tratando a todo o mundo na vida co respecto que merece.

A vida vai ensinando a quen quere aprender, pero tamén vai enquistando a sapiencia daquelas persoas que non son quen de reconsiderar ideoloxías arcaicas pouco acordes cos tempos que van. E hai moito machismo imperante, hai maltrato xeneralizado, hai mortes de mulleres, a enfermidade da violencia de xénero na sociedade. Hai tal cantidade de potenciais machista nas rúas que da medo ter fillas. Vesen tantas cousiñas, tantas cousiñas vense, que non che digo nada, pero vaia…

Por iso muller, e por moitos máis, eu camiñarei ao teu carón coma compañeiro humano deste planeta cheíño de incomprensións. Animo a todos os homes que lean estas palabras que tomen nota delas e fagan unha revisión do seu comportamento cara a muller, pois, ás veces, cremos que todo o facemos ben e non reconsideramos, e hai que reconsiderar para saber a quen se desconsidera inmerecidamente. Hai que traballarse, pulirse, fuxir dos tópicos, adecuarse ao tempos, e o máis importante, humanizarse, para convertérense en persoas respectuosas cos demais, a falta de respecto é unha lacra desta sociedade.

Porén, o mundo está a cambiar; apréciase un espertar en vosoutras, apréciase unha reconsideración de comportamentos por parte de moitos homes, apréciase o apoio de moitos homes á loita pola igualdade e moitos fíos de esperanza para comezar a crer que algo pasará para que dunha vez chegue a total igualdade e esmorezan até morrer na súa totalidade as negras enquisas de loitos.

O mundo é como é, e ás veces, dá medo.

Esta entrada está dedicada a todas a mulleres do mundo, pero sobre todo á miña filla, á miña esposa, á miña nai, ás miñas irmás, ás miñas sobriñas e sobriñas netas, ás miñas tías e ás miñas primas, e como non, ás miñas avoas e bisavoas que están no alén.

Muller ponderada camiña con orgullo!
Parabéns a todas no día da Muller!  

Escrito de Xurxo M. Gago Chao 

"Concordias de Papel" de Sés

Hoxe en día antóllase necesario a unidade de todos e todas para traballar a prol da nosa lingua. É necesario  traballar en positivo para recuperar a nosa fala en todos os ámbitos da vida. É necesario un paso adiante de toda a cidadanía e tecido asociativo de para implicárense no labor e o [Compromiso coa Lingua]. É necesario o atrevemento dos e das neofalantes, así como, da normalización e da aceptación na sociedade a todo aquel o aquela que decida trocar a súa fala do castelán ao galego. É necesario o respecto aos neofalantes. É unha sorte aprender unha palabra nova cada día, é unha sorte poder mellorarse nunha fala e teimar para lograr dominala, é necesario poñerlle a atención que merece a nosa [Lingua Nai], a lingua do noso lugar de orixe. Non se lle debe dar as costas a nosa lingua, nin a nosa cultura, nin a nosa tradición; pois estas son únicas e non deben ser substituídas por outras, senón, como mínimo, deberan ter as mesmas atencións e oportunidades, deberan ter o coidado que merecen e precisan.

Porén; precisamos unidade; o galego precisa do apoio vital dos centros de ensino, dos docentes e do alumnado en xeral, o galego precisa da axuda dos pais e nais para implicaren na nosa lingua aos seus fillos e fillas. O galego precisa ineludiblemente da unidade de todo o tecido asociativo e do seu compromiso coa nosa fala. O galego precisa o apoio dos nosos maiores -que inda a ter prohibida a nosa fala nos seus tempos teimaran por conservala-, e é precisa a implicación da xuventude.

Entre toda e todos, grandes e pequenos, salvaremos a nosa lingua do esmorecemento ao que está sometida por unha boa parte da sociedade galega, ben acostumada a darlle máis valor ao de fóra que ao propio, desprezando a nosa verídica historia pola historia instaurada polo centrismo ibérico.
Traballemos a prol da nosa lingua, teimando contra todos os elementos que a desprezan.

Debermos ser quen de consumir a prensa dixital en galego, apoiar á pouca prensa escrita en galego e castigar a aqueles medios da Galiza que rexeiten o galego a pesar de seren beneficiarios de axudas para fomentalo e usalo. Debermos ser unidades activas contra todos aqueles que desprezan o galego; defensores do noso, defendendo a nosa lingua con dignidade e elocuencia, sen violencia de ningún tipo, sen insultar a ninguén, tan só, poñendo en valor a nosa literatura, sendo imaxinativos, creando novas actividades e proxectos que fagan recuperar galegofalantes e creen novos e novas neofalantes da lingua do pobo galego.
E a quen non lle guste que lle bote azucre!

Escrito feito por Xurxo M. Gago Chao

Hoxe, día 24 de febreiro de 2017 cúmprense cento oitenta anos do nacemento da nosa raíña, unha muller exemplar, teimuda e loitadora. Rosalía de Castro, unha muller que camiñou a contracorrente pola dignidade feminina e por mostrar a Galicia como o que é; un país diferenciado do resto da península, cunha lingua, cultura e tradicións merecentes de ser postas en valor ante a imposición da lingua castelá e da historia imperialista españolista. 

A nosa raíña Rosalía tivo unha vida difícil, como autora e poeta foi vítima dos máis variados vilipendios, tanto por españois da Castela como por algúns galegos e galegas intelectuais da época moi entregados a gabar o de fóra e a rexeitar ou desmerecer o da súa terra, sobre todo a fala galega desprezada coma un dialecto. 

Rosalía foi a primeira muller en publicar co seu propio nome, sen agochalo baixo un pseudónimo de home. Por aquela época, século XIX, o normal era que publicaron libros tan só os homes reservándolles ás mulleres as tarefas que ao home machista da época lle conviña. Rosalía saíuse deses parámetros e pasou a se converter na poeta romántica máis importante do seu século, inda que esta distinción non lle foi recoñecida nin en vida nin en morte. Pero os estudosos da súa vida e obra, ben saben da súa importancia e relevancia, tanto da súa prosa coma da súa poesía. 

A vida de Rosalía é moi interesante en todos os sentidos, unha vida de aventuras e desventuras descrita por ela mesma cunha sensacional e pasional lírica que fai nos achegar ao espírito mesmo da esencia da nosa terra galega. Para coñecer a Rosalía de Castro tan só hai que ler a súa obra e mostrarase ante os ollos do lector a figura dunha muller débil de saúde pero forte de alma e espírito idolatrando a súa terra e a súa fala cun amor maternal.

Hoxe, cento oitenta anos do seu nacemento, se estás a ler estas palabras, estás a tempo para teimar na vida e obra de Rosalía e descubrir o mundo da nosa raíña galega.

Hoxe a Editorial Galaxia anunciou a saída da biografía da autora, realizada por María Xesús Lama. Un estudo dende o rigor, unha achega minuciosa que nos permitirá saber máis da autora de Follas Novas, pero tamén máis de nós: 

 

Os mares dixitais das redes sociais conteñen millóns de cardumes de vidas humanas expostas ao mundo e mesturadas con outras tantas vidas falsas e inventadas. Como é o teu eu dixital? Que lle contas de ti á rede? Como é o teu perfil? Cantos perfís tes? Se non tes Facebook, non existes? Tes Twitter? Son necesarias en realidade?

Respondendo á derradeira pregunta, segundo a miña opinión e experiencia, penso que non han de ser necesarias se non complementarias. O uso continuado de moitas horas nos perfís destas redes sociais, por parte dos seus usuarios, os leva a necesitalas psicoloxicamente. Os ánimos destas persoas pasan a depender da súa experiencia nas redes sociais, se son boas estarán ledas, se son malas ou tristes estarán negativas ou melancólicas. É necesario desprenderse da dependencia destes foros sociais. Necesario é chegar a usalos de modo complementario para os momentos de lecer, ou para contacto entre persoas, ou para ler novas, debater, expoñer obras propias de maneira altruísta, etcétera.

Cada quen fará o que queira estando completamente no seu dereito. Ao meu entender; as redes socias, soen inducir a interpretar mal moitos comentarios dos usuarios, moitas fotos, moitos Gústame. Nalgúns casos, pódese chegar a pensar dunha persoa algo que non é. Nalgúns casos dáselle moita importancia ao banal e noutros ningún interese ao realmente importante. A xente vai ao seu. Inda de ter a posibilidade de estar máis preto, as persoas están moi lonxe unhas doutras. Polo feito de crer que este tipo de redes socias son a mellor maneira de estar informados uns dos outros. Cando, ao mellor, a máis produtiva maneira de informarse, de saber da persoa que interesa, é acercarse a ela. É darlle unha débil palmada nas costas. Un: - Moi boas. Como estamos? Cal é o teu estado?

Nas redes sociais é recomendable expoñer o xusto, o necesario. Hai que elixir con coherencia  o que gusta e o que non, os chíos, os rechíos e os rechouchíos, pois hai moitas incongruencias. Hai que tomalas coma o que son, un complemento máis, pois non son a biblia da vida. A vida desenvólvese más aproveitable no mundo real, cos pes na terra, co corpo no mar, con apertas verdadeiras e debates de igual a igual. Respirando o mesmo aire. Saudando con reais bicos e estreitar de mans. 

O anonimato nas redes sociais é sinónimo de falsidade, de xente curiosa e desprezativa coa vida e cos seres humanos que non seguen o camiño das súas ideoloxías. Os anónimos fan os seus comentarios agochados trala infamia por non ser quen de expoñer o seu nome real. Humanos que non debaten cara a cara por que son ficción. Esta ficción mestúrana con pingas de realidade para captar adeptos e para manipular aos seus fieis achegados que rechían (chíos) ou comparten comentarios á súa vez con outros seguidores, servindo para a perfecta difusión das mensaxes dos anónimos. Certo é que xa está todo moi controlado polas forzas de seguridade do estado español, polas brigadas de delitos informáticos da policía nacional e garda civil, polo software e hardware do que dispón o CNI, coma SITEL, un sistema de escoitas telefónicas do Ministerio de Interior de España, etcétera. Para eles, todo é máis sinxelo. Sábeno todo de todos. Inda que lles custe nun principio, ao final, sempre dan co anónimo. Pero para nós; ao nivel usuario, ao nivel do cidadán da pé, échenos case imposible chegar a saber quen é tal. Por iso o mellor é pasar deles e non seguilos. Hai que escoller ben a quen se segue nestas redes para non caer baixo a influencia da sen razón.

Os mares dixitais das redes sociais conteñen millóns de cardumes de vidas humanas; peixes humanos da velocidade por cable, da conexión por datos móbiles e sistemas Wifi. Toda unha fauna e unha flora de informacións coas que hai que ter coidado, unhas son verdadeiras e outras non. Hai furnas e rochas neses mares dixitais, que agochan valorosos segredos, que levan a tesouros para o aprendizaxe e o saber. Hai enormes cantís baixos os mares dixitais que levan a enormes ladeiras onde ten lugar o achegamento entre os peixes persoa. Pero tamén hai infernos de lava percorrendo estes mares que levan aos peixes humanos a queimarse ou a quedar atrapados nas trampas impostas polos demos das profundidades abisais. Hai que saber coller o leme para manter boa dirección. Hai que saber navegar polas correntes das redes sociais para non caer polas enormes fervenzas que van cara a aos abismos dos amolados. Hai que saber vivir mergullados baixo o influxo dixital sen perder o norte da vida real.

Escrito by Xurxo Gago Chao





Un galego castelanizado pode descastelanizarse mergullada a mergullada. Pode. Se quere pode. Pode mergullarse na nosa cultura, na nosa historia, na nosa lingua. Pode. Se quere pode. Pode mergullarse nas ondadas de diversidade cultural galega que azoutan as cidades galegas nestes tempos. Mergullarse na coloreada marea social galega amante da fala e, da cultura e, da verdadeira historia da nosa “Nazón de Breogán”. Mergullada a mergullada, pódese chegar a ver e, a sentir, a enerxía da aura patriótica de Galicia. Unha aura que enfeitiza e descastelaniza. Pódese renacer cada ano como galegos. Teimando día a día, por exemplo; na tarefa do aprendizaxe da lingua, lendo a literatura contemporánea ou os clásicos galegos, lendo a prensa dixital galega, defendendo a nosa cultura, as nosas tradicións, a nosa contorna, participando na loita social, etcétera. Sempre defensores da nosa xente e da nosa terra galega.

Sermos os galegos do século vinte e un; orgullosos defensores da nosa lingua, sensibles ante o legado das ilustres autoras e autores galegos, sensibles ante as necesidades da sociedade, mirando cara a nós pero sen deixar de mirar para fóra.

Cada día da patria renacendo galegos.

Feliz día da patria Galega!

Escrito by Xurxo Gago Chao

Comprar unha peza de roupa hoxe en día pode chegar a converternos en cómplices dunha globalización macabra que explota e maltrata a seres humanos. O comprador final dun produto téxtil é o que lle dá a razón ao poderoso ante o seu plan de sacar o maior proveito posible, para os seus bens e para a súa empresa, aproveitándose da miseria dos países máis necesitados. Instalando neles os chamados "talleres da suor", onde centos ou miles de persoas amoreadas traballan a sol e sombra polo que custa un DVD. E polo que custa un DVD, ou un xersei, ou un polo, ou un pantalón, ou unha camiseta, ou un vestido, con o diñeiro que custa calquera destas cousas se alimenta unha familia enteira dun país subdesenvolvido durante un mes. E claro, iso hai que aproveitalo, quen o aproveita son as grandes empresas e os seus donos, o tiranos modernos, os tiranos do século XXI.

O comprador non se imaxina sendo unha daquelas desgraciadas persoas que traballaban naquela fábrica téxtil en Savar, no distrito de Daca da capital de Bangladés. O comprador non se imaxina acudindo ao traballo nun enorme edificio de oito pisos agretado, vello, sen mantemento, sen medidas de seguridade. O comprador non se imaxina a cantidade de "talleres da suor" que existen, onde os tiranizados súan suor e sangue. O comprador non se imaxina, tan só compra como parte que é do proceso globalizado.

Nestes tempos tan cambiantes que vivimos hai cousas que non cambian; que se repiten ciclicamente, sobre todo cando actúa a inhumanidade do humano, capaz de tropezar máis de duascentas veces coa mesma pedra, de arrastrar cos seus tropezos a centos ou miles de vidas. Nestes tempos tan cambiantes que vivimos, imos involucionando.

Si, o ser humano involuciona. Os libros de historia deberían de sinalar a esta etapa globalizada como a etapa da "escravitude moderna", onde poderosas empresas se dedican a acudir de boas samaritanas polos lugares do mundo máis débiles en recursos e en dereitos e liberdades sociais para aumentar os seus beneficios e conseguir a "mellor calidade ao menor prezo".

O poderoso; os poderosos, as empresas poderosas, son poderes que inflúen e impiden cambios e melloras para a humanidade, sempre se han de opoñer a todos aqueles cambios que afecten en maior ou menor medida aos seus intereses, sen importarlles sequera que eses cambios sexan totalmente necesarios para o benestar da propia humanidade. Este tipo de poderosos, aliméntanse de xeito infame das persoas que están na miseria, que polo tanto están abocadas á fatalidade. E como están abocadas á fatalidade, acoden a eles de bos samaritanos, para pagarlles uns míseros euros mensuais por unhas infinitas horas traballadas en condicións moi precarias de seguridade laboral e de penosa salubridade. Estes si son tempos de "escravitude moderna".


Vivimos en tempos onde traballan forzosamente máis de vinte millóns de persoas, persoas que son vítimas de explotación laboral en fábricas inhumanas de produción masiva mal pagada, tan mal pagada, que polo simple feito de traballar poden chegar a pagalo coa súa vida.

Comprar unha peza de roupa, hoxe en día, pode chegar a converternos en cómplices de que un edifico colapsase. Cómplices de que un edificio se derrubase rematando coa vida de máis de mil cen persoas. Pódese elixir se ser cómplice ou non da "escravitude laboral" decidíndose por aquelas empresas comprometidas e implicadas polos dereitos e as liberdades das persoas e partidarias de escolarizar os nenos en vez de explotalos traballando.

O actual neoliberalismo parece ser unha fonte de "Escravitude laboral" que vai empapando ás sociedades dos países do mundo con desigualdade, precariedade, inseguridade e inxustiza a través da economía, a globalización, o consumismo.

Escrito de opinión creado por Xurxo M. Gago Chao



Existen heroes dos que ben pouco se fala.

Moitas son as almas ás que se lle obrigou a abandonar a súa estancia na terra por ter estado expostos a o terrible liquidador humano que é o amianto. Nestes tempos de radioactividade, contaminante e letal, convívese tamén con mais dunha sustancia perigosa para o noso débil organismo humano.

Ese material invisible é letal co tempo. Non paga a pena traballar preto do amianto para ver recortada a vida en saúde e en anos. A toxicidade deste produto aínda non se quere ver, as institucións oficiais sairíalle moi caro recoñecer de maneira masiva as cantidades de mortes que provoca ao día o amianto. Moitas delas non recoñecidas porque aos finados non se lles fai a autopsia oportuna que demostrase as evidencias dos Asbestos.

Palabras coma engrosamento pleural son comúns nas zonas de Galicia, onde moitas persoas serven ou serviron en empresas que os poñía a traballar co asbesto sen que ata ben pouco se tomasen as medidas de seguridade oportunas. Levaban os “buzos” do traballo para casa,  contaminando tamén a mais dunha muller co simple feito de meter na lavadora o peto en cuestión. Aínda lles custa moito, a quen corresponda, tomar decisión legais que recoñezan moitas mortes para afrontar así as indemnizacións oportunas.

Mírase cara outra banda cando se está a ver a cantidade de mortes que provoca o asbesto, as cales, incrementase cada ano. Moitas mortes achácanse a outras patoloxías cando a realidade é ben distinta, preferindo silencialas. Moitas familias loitan polo recoñecemento de morte por Asbestos dos  seus finados. Moitas inxustizas se están a cometer por mor de non recoñecer como tal a Asbestose coma unha letal enfermidade.

Nas propias Forzas Armadas españolas moitos militares estiveron e están expostos ao amianto. Os asbestos nos buques estiveron e, inda están, á orde do día. Tentan formar aos profesionais para manipular o asbesto coas medidas de seguridade oportunas, pero ao final manipúlase ao chou de cada quen. A xente segue estando igual de exposta e as negativas consecuencias futuras chegarán. En tempos futuros moitos militares padecerán, o xa padecen algúns, a enfermidade da asbestose. As autoridades militares silenciarán, ou xa silencian, as súas consecuencias. Está por ver se recoñecerán a estas vítimas coas indemnizacións correspondentes, ou se cadra, se as recoñecen polo menos como tal.

O asbesto recorta a vida da xente exposta en moitos anos, unha vez inxerido ou respirado, ten un período de latencia de entre quince ou vinte para causar o desenlace fatal. O amianto é veleno. Un veleno ten que desaparecer de todos os ámbitos das nosas vidas.

A xustiza ten que ser inapelable a prol dos enfermos e recoñecelos como tal, ten que ser impecable coas sancións ás empresas ou institucións que estean utilizando o amianto. a xustiza ten que sentenciar indemnizacións oportunas a quen caia enfermo terminal do asbesto.

Os enfermos de asbesto sofren o esquecemento do goberno, da xustiza e da sociedade. E todo isto ten que cambiar xa.

Escrito by Xurxo Gago Chao


Temos unha Galiza verde e florida, chea de regatos, de ríos, e fontes, e fragas máxicas e rías refuxiadas. Temos verdes bosques, chairas e leiras, montes e montañas, costas esbrancuxadas. Temos unha terra frondosa e marabillosa para coidar. Temos unha terra verde e salgada onde azoutan os ventos, onde a forza imperiosa do mar bate contra as rochas, onde a chuvia nunca falta. As características da nosa terra son as apropiadas para facer dela unha terra verde e limpa de enerxías contaminantes. A nosa terra demanda de nós un inevitable esforzo para facer dela unha terra de enerxías sustentables, e para facer de nós, unha comunidade que respecta o medio ambiente e o entorno que a rodea.

Dito así, soa todo moi bonito. Indo a realidade, vémonos obrigados a aturar atrancos continuos dos gobernos vixentes en sintonía coas empresas enerxéticas para frear tódalas iniciativas destinadas ás enerxías verdes. E obrigan á terra; obrígannos a todos, a ter que soportar, por exemplo, plantas de gas natural no medio dunha ría que si se coidara en condicións sería todo un viveiro de marisco, entre outras negativas cuestións que carrean ter unha planta no medio dun núcleo de poboación. O gas natural non é unha enerxía limpa, que non enganen, é perigosa a pesar das modernas medidas de seguridade que afirman ter, e é unha combustión directa de elementos fósiles. O CO2 expulsado á atmosfera polo gas natural nos leva a unha reacción solar menos enerxética que produce un incremento de graos centígrados cada década. Como hai tantas conclusións dos expertos sobre esta enerxía sucia, unhas a favor, e outras en contra, xa é cuestión do parecer de cada quen o de aferrarse á que máis lle convenza.

As verdadeiras enerxías sustentables son aquelas que aprovéitanse do aire, do sol, do vento, da forza do mar, da chuvia. Con elas no hai discusión, son limpas e renovables, pero non lles rende ás empresas os mesmos cartos que as enerxías porcas. Os cartos, esa é a cuestión. Todas estas enerxías; quen as sustenta, é a propia nai natureza, a que nos aporta os recursos que limpamente demandamos.

Na terra que vivimos, pagamos as facturas da luz máis caras do mundo, co beneplácito de gobernos pasados e de gobernos actuais. As compañías eléctricas exercen un fascismo moderno. Vivimos nunha ditadura enerxética total con miles de millóns de euros de déficit de tarifa e inhumanos aumentos nas facturas da luz. Personalidades de España, políticos, expolíticos, expresidentes, exministros, etcétera; se converten en asesores de Endesa, Gas Natural Fenosa, Iberdrola, Abengoa, Acciona e Red Eléctrica de España. Cobran grandes cantidades de diñeiro por aportar a súas influencias. En troques, nós, cada quenda, a pagar máis nos recibos.

Isto ten que trocar de algún modo, necesítase impulsar de novo as inversións en enerxías coma a hidráulica, a solar, a eólica, a mareomotriz, pudendo aproveitar as mareas para xerar electricidade a través dun empalme alternador. Preto do mar temos moitas formas para poder aproveitar a enerxía mariña sen contaminar o medio, coma por exemplo a enerxía das olas, a enerxías das mareas, a enerxía osmótica. Inda hai moito que investigar e as subvencións foron recortadas, e as investigacións científicas carecen dos fondos necesarios para dar un paso importante en enerxías limpas. Ben saben o que fan, quérennos manter nun circulo pechado para ternos sempre dependentes dos intereses das empresas enerxéticas e dos gobernos. Non queren que as persoas sexamos “autosuficientes” e “autodependentes” en enerxía.

Temos que decretar un futuro enerxético limpo e autosuficiente para cada fogar, para cada familia, para cada cidadán do mundo. Nese camiño temos que camiñar, cara a implantar un mundo limpo e igualitario, libre dos intereses privados e o capitalismo.

Escrito by Xurxo Gago Chao
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb