Días de outono
nos camiños vellos,
alfombras de follas,
asubíos do vento,
pingas de chuvia,
ceo gris e negro.
Lecturas caseiras,
estufas de ferro,
son días de ánimas,
noites de misterio.
Esperanzas novas,
tempada de retos,
degoxadas rebuscas
e fecundos desvelos.










© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Sen reloxo 
pasa igual o tempo, 
sen cautela 
sen miramento 
molla a chuvia 
venta o vento, 
xoga a meniña 
chora o neno; 
que se 
unha doce aperta, 
que se 
un agarimo tenro, 
castañas asadas 
co seu arrecendo, 
o pasar das páxinas 
deste libro vello, 
cousas miudiñas,
momentos sinxelos.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 
Xa chega o outono das follas caídas,
das árbores orfas con ramas espidas,
das colleitas novas e graduais vendimas,
dos pigmentos ocres, escuros e lilas;
rutineiro esmorecer das clorofilas,
paulatino emigrar das andoriñas,
obrigadas segas e ourizos con espiñas.
                          

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Dende hoxe trinta santos
cara o final do ano,
xa pasaron moitos outros
ademais dalgún diaño.
Xa se foi tempo pasado
transcorrido e esquecido,
xa estamos nese presente
que vai pasar de corrido.
E xa no mes de decembro
vaise o outono
 vén o inverno,
vén máis sentimento frío
e recollemento caseiro,
 chegará o aninovo
xunto a un xélido xaneiro.

  Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Trócase o tempo
chega máis cedo a noite,
dúas veces nas dúas
as campás no seu redobre,
coma nun pesadelo dobre.
Non sei que dirá o tempo
dos minutos que lle rouben,
na vida non é que sobren.
Ao corpo fáltalle tempo
entre soños esquecidos
e a mente vai buscalos
aló onde os tempos perdidos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa cedo desvanece o día.
Xa logo chega a noite.
Xa estamos no mes de outubro.
Xa logo chega o mes doce.
E o ano, xa esmorece.
Hai nada que veu un novo
xa case transcorreu todo
faltándolle tan so dous meses.

Xa veñen as tardes escuras
de entrañables estancias na casa,

de húmidas e molladas rúas
e de desoladas praias.
Xa veñen as tardes de estudio
 de caseira actividade,

xa se prenden cedo as luces
ante a pronta escuridade.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb