Abordo das vellas palabras
na singradura dos desexos
cara ao mar dos nosos empeños
o tempo do noso existir
rumbo a novas esperanzas
ata as illas dos soños esquecidos
onde os cantís dos anhelos perdidos
estará o tesouro do noso porvir.

  
© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao





As palabras saen soas
cando o sentimento as guía
pero a cordura filtra moitas.
Fabrícanse na conciencia
e no corazón se montan,
polas veas circulan
até saír pola gorxa.

 
Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Palabras herdadas,
costumes pagáns,
topónimos antigos
en terra singular.

Cantan os cantigueiros
de mortos ou de vivos,
unha cántiga, un cantar.
Unha cántiga, un xograr.

Cántiga palabra celta,
unha copla trobadoresca.
Cántiga de amor,
cántiga de arrolo,
cántiga da terra.
Cántiga de escarnio,
cántiga de amigo,
versos ó canto
 dun modo satírico.

Cántiga, cántiga, cántiga.
Cántiga, cántiga, cántiga
Cántiga galega.


Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



A inconsistencia é insegura,
a incoherencia é loucura,
e a inconstancia lixeireza pura.
A inconsciencia non madura,
a inconsecuencia é todo dúbida,
e a intransixencia é ditadura.

A aparencia non é nada
sen o complemento da alma,
sen o carácter do espírito
e sen a mente humana.

A vida é aventura,
e é desventura e é palabra.

 
Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
logoweb