Crer na maxia
que cada quen ten
por dentro e por fóra
das súas entrañas,
na forza
que do interior vén
que colorea,
caprichosa,
as nosas auras.
Crer na enerxía
que xorde da terra,
das plantas, das árbores,
até das montañas;
no brío do universo
que asolaga os nosos chakras. 

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 
Non aprenden
das leccións dos mestres
os resabidos
que cantan cara ao sol,
terxiversadores
sabichóns inermes
fronte a allea dor,
morriñentos
das balas de chumbo
e seareiros dun ditador;
liquidadores, vermes,
cancro dunha nación.
 



 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

A vida vai a ratos;
pode-se cantar chorando,
chorar escutando um cantar,
pode-se amar amando,
amar, cantar e chorar.
Pode-se chorar sorrindo
e sorrir ao amar e ao sonhar,
pode-se cantar sonhando
e sorrir por um sonho ao acordar.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


 
Transitar as rúas
do surrealismo
sen perder de vista
a crueldade real,
cubrindo con cores vivas
o negro pesimismo,
superando libremente
a realidade que vai.

  

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

                    
 Imaxe - lenzo de  Joan Alfaro





A lúa pousa
doce e quediñamente
para soñar.



© Haiku creado por Xurxo M. Gago Chao


Quero falar galego
a lingua que florece
inda a ser inverno
lingua de Rosalía,
Curros e Cunqueiro,
a nosa lingua nai.
Quero falar galego
cantando baixo as augas,
vogando cos ventos,
procurando esperanzas
entre os soños vellos
da nosa lingua nai.
Quero falar galego
navegando entre as ondas
de infinitos versos,
afoutando tenruras,
aviventando o acervo
á nosa lingua nai.
O`Xurxo  #QueroGalego

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Cada coração tem a sua cantiga
e cada espírito tem o seu dom
e cada alma tem a sua magia
e cada carácter o seu tesão.
Cada vida é extraordinária
e cada mente é uma nação.
                      


© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 

Unha terra que perde identidade
é coma un carro sen os estadullos
que carrexando perde calidade
ou coma uns empapados garabullos
que nunca prenden por mor da humidade.
Sen o acervo, pusilanimidade;
terra medrosa emporcada de entullo
coma poza en eterna sequidade.
                    

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 


Un espello, unha imaxe,
mirarse sen ningún traxe
do dereito e do revés.
Un corpo é o que é,
auga e sangue,
pelos, ósos, carne e pel.
O intelecto non se ve.
             



 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


 

Dezanove espíritos e unha estrela, 
un berro heroico a prol da liberdade, 
no rescate da memoria e da pedra 
dezanove gorxas contra a escuridade; 
poder falmaguento e botín de guerra, 
execucións e cartos con sangue, 
patrimonio usurpado co xugo e a frecha. 
 O`Xurxo






 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 
Xa chega o outono das follas caídas,
das árbores orfas con ramas espidas,
das colleitas novas e graduais vendimas,
dos pigmentos ocres, escuros e lilas;
rutineiro esmorecer das clorofilas,
paulatino emigrar das andoriñas,
obrigadas segas e ourizos con espiñas.
                          

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Búscame preto do mar,
onde as ondas de escuma esbrancuxada
e xunto a rochas has de atopar
sentires da miña alma.

Búscame no recender dos bosques,
alí onde os ríos de fortes augas
onde quizais ao respirar atopes
unha parte da miña alma.

Búscame nas nosas costas,
e búscame nas nosas praias,
onde da fina area rexorde
algunha vivencia da miña alma.

Búscame onde o amor reloce,
entre a tenrura e a boa palabra,
entre o mimo e o bico doce
está outra parte da miña alma.

Búscame na comprensión,
e entre o erro da raza humana,
de erros teño colección
nas entrañas da miña alma.

Búscame no silencio,
no espazo onde non hai nada
e éncheo de son poético
coa palabra da túa alma.

Cando queiras podes atoparme
nalgunha vivida lembranza,
no ambiente, no mesmo aire,
haberá pegadas da miña alma.

As almas deixan pegadas
polos lugares por onde aman,
deixan regos de amor as almas,
regos de agarimo, morriña e esperanza.

Xurxo M. Gago Chao
Mugardos, A Coruña.
(Poema incluído na obra colectiva Alén do Silencio)

Os sons dunha fervenza,
os xiros dunha buxaina,
o son da natureza
ou o son dunha gaita.

O mar e a súa pureza,
a luz doce dunha luada,
o bosque e a súa riqueza
ou a noite estrelada.

O río coa súa nobreza,
o amor dunha bágoa,
o espesor da maleza
ou a dureza dunha táboa.

O brillo dunha limpeza,
a palabra romántica,
a flor e súa beleza,
a rima consonántica.
A vida coa simpleza,
a simpleza nostálxica,
a vida sendo proeza,
a vida sempre máxica.

  © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Dúas almas 
fuxiron nas tebras da noite
do estoupido xerado
polo vapor incandescente
dun buque desleixado, enferruxado,
de feble saúde, queixoso e vello,
sen a atención sanitaria precisa
e con escasos apoios paliativos;
dúas almas xoves,
xa sen vida corpórea,
fuxiron vítimas do ferro desgastado
e das gretas,
suntuosamente incompresíbeis
dun sistema tubular deteriorado
sentenciado coma culpable imaxinario.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

Nas tebras dunha noite de decembro
tremeron as augas da ría ferrolá,
tremeron as vidas,
tremeu o vento
e fuxiu coa chuvia
unha parte da dignidade humana.
O forte estrondo do buque
anunciou a chegada da propia morte,
e a luz partiu cara ao ceo
e a cheminea vomitou vapor e dor.

Hai quen non escoita as mensaxes queixosas de alerta!

A vida amosa con feitos fidedignos,
e con aquelas sentencias inxustas,
que a impunidade ás veces gaña,
ficando a verdade deturpada,
ficando a sensación de xustiza imperfecta
e o terríbel convencemento
de que sermos febles vermes
expostos e medorentos
para sermos esmagados
polas solas dos grosos zapatos
dos necios poderes fácticos
que azoutan as nosas vidas.

Hai que estar alerta tras as queixosas mensaxes da vida!



 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Podes levantarte, ¡adiante!
O caso é querer
Sabendo que che pertence
Innata forza do querer
Ti gobernas o teu impulso
Incitándoo sempre a crecer
Vivificando a túa afouteza
Iniciando o camiño de poder
Deixando as tristes pegadas
Avanzando na reconquista da túa fe
Dulcificándote
Entendendo que ti es quen es


 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

Hai cerebros humanos pervertidos
neuronas trastornadas sen razón
escuros espíritos corrompidos,
almas podres, inútil corazón.

Necio exército, incautos foraxidos
son o estandarte da mala intención
asasinos dos nosos bosques vivos,
árbores, bechos e vexetación.

Van queimando a terra os envilecidos
os monicreques da especulación,
humanos de karmas ensombrecidos
membros do club da premeditación.

Perderán fácticos homes manidos,
parvas mentes, cerebros de cartón,
imbéciles mercenarios bandidos,
os xornaleiros de desolación.

Gañará a vida, brotes rexurdidos
reverdecerá ante negro carbón
disiparanse os fumes combatidos
haberá esencia tras a destrución.
© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao 

Fotografía de: Daniel Espinosa


Están a rachar os fíos da concordia
por mor das guerras das razóns,
nas batallas dos hipócritas egos
disparan medo e imposicións.
Queren aniquilar memorias
arrasar coas linguas e as tradicións
hai exércitos que se din perfectos
con imperfectos e inhumanos corazóns.
Hai errados convencementos,
necias argucias e manipulacións,
enganos neste negro tempo,
tempo de cínica terxiversación.
As verdades fican secuestradas,
as democracias padecen opresións,
xa son delito as sinceras palabras,
xa case dá medo manifestar opinións.
Hai malvados labregos de discordias
e manexables rabaños de cartón,
seres dormentes hipnotizados
esperando que lles dean instrucións.
Derrétese a democracia de xeo,
non era máis que unha ilusión,
vivimos nunha cárcere de ferro
baixo o podre teito da Constitución.

 © Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao 

Que non che pesen os anos
nin as páxinas do teu libro
nin as frases nin os parágrafos
nin os puntos e seguido.
Que non che pesen os anos
nin aqueles tiles fuxidos
nin os acentos soberanos
nin os punto e coma xurdidos.
Que non che pesen os anos
nin o número de capítulos
nin os versos cabalgados
nin as diéreses sen sentido.
Que non che pesen os anos
nin os espazos esquecidos
nin os suxeitos kafkianos
nin os abstractos substantivos.
Que non che pesen os anos
nin os verbos repetidos
hai moitos folios en branco
e o teu libro non está finito.

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Mollados polos ríos de sangue
fuxiron para se agochar os guerrilleiros,
e galegos berros estarreceron
e un groso sentimento contestatario naceu.

Xurdiu un sentir amotinado e subversivo
ante a barbarie macabra xerada
polo fascista poder establecido
aniquilador das persoas libertarias.

Unha península e unha posguerra
filtrando persoas, novas mortes, sempre condenas
mais guerrillas valentes defenden a súa terra
contra a ditadura do xugo e das frechas.
Maquis agochadas nos bosques,
nas covas, nas furnas e nas leiras,
homes valentes e combativas guerrilleiras
combatendo contra os franquistas de roupa negra
que cazaban persoas coma aguias feras
e tinguían con sangue a cor da súa bandeira.

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Non hai que deixarse levar
cara ao esmorecemento da empatía, 
nin cara aos camiños dos egoísmos,
nin cara á prepotencia da vida.
Nin deixarse arrastrar
pola esaxerada porfía,
nin polos inxustos extremismos,
nin polas palabras corrompidas.
Nin deixarse afogar
nos mares da tecnoloxía
onde abondan os cinismos
e as fortes rachas de mentiras.
Hai que ben interpretar
as mensaxes que están escritas
fuxindo dos empirismos
e das razóns envilecidas.
Hai que lograr chegar
até o cumio da nosa faísca
obviando os fatalismos 
sorteando as espiñas.
Hai que escoitar
até o que o silencio diga
mitigando os escepticismos
tendo a conciencia acendida.

© Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

anterior inicio seguinte
logoweb