Neste día de chuvia miúda
xa comeza a andadura do inverno,
o silencio da tarde xa o espera
entre as gotas de orballo preguiceiro.
Neste día calmado de ventos
despídese o outono froiteiro
deixando no chan dos bosques
alfombras de follas e froitos xa secos. 

Xa chegan coa noite máis longa
moreas e moreas de ilusións
 multitude de dispares desexos
mentres xira a roda da vida
sen acougo e sen complexos.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Follas molladas
xacen no chan,
follas arrichadas
mostrando a súa beleza
á espera do seu final.
Os sons das campás da igrexa
 alguén houbo de finar,
vidas que rematan
tralo seu peregrinar.
Día de chuvia escuro
 cheo de ventadas,
 máis tristeiras as despedidas
e máis frecuentes as bágoas.
Unha gaivota loita
por saír das revoltas augas
e leva no bico un peixe
que antes moi ledo nadaba.
Pura conxunción de feitos
e de vidas rematadas;
día gris, día agoireiro,
día de chuvia e de mágoas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa cedo desvanece o día.
Xa logo chega a noite.
Xa estamos no mes de outubro.
Xa logo chega o mes doce.
E o ano, xa esmorece.
Hai nada que veu un novo
xa case transcorreu todo
faltándolle tan so dous meses.

Xa veñen as tardes escuras
de entrañables estancias na casa,

de húmidas e molladas rúas
e de desoladas praias.
Xa veñen as tardes de estudio
 de caseira actividade,

xa se prenden cedo as luces
ante a pronta escuridade.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


A pouco vaise o verán,
achégase o equinoccio outonal
e os turistas xa se van.
Volven as nubes ao ceo
se é que se foron
 nalgún momento,
volven os cativos
 aos patios do recreo,
até o frío que vai
 xa nos está envolvendo.
Xira e xira a roda da vida
non para nin frea,
outra estación repetida.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Desexos ao longo dun ano
novos sentimentos virán
novas penas, novos enganos
novos soños para alcanzar.
Novas metas, novos retos
novos sentires chegarán
novos gustos, novos sustos
novos ánimos inquedos
novas bágoas por chorar.
Novos sorrisos, novas ledicias
nova vida por fabricar.


Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb