Ben se sabe onde estabamos
naqueles anos pasados
naquelas importantes datas
dos inesquecibles calendarios
pois os círculos vermellos
sinalan os sucesos marcados
e quedan na mente impresos
e na memoria trabados.
Ben se sabe dos días que van
e dos seus sentimentos xerados.
Ben se sabe que non esmorecen
os tristes feitos lembrados.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


O tempo ben sabe o que fai,
deixa as cousas no seu lugar.
Demostra, o tempo,
o que ten que demostrar.
Arrebata, o tempo,
o que ten que arrebatar.
Equilibra, o tempo,
o que ten que equilibrar.
E cando algo se lle escapa,
con tempo, haino de recuperar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Arco das novas,
arco das lúas,
arco dos sentimentos.
Arco da vella,
arco do trono,
arco do ceo.
Arco coloreado
sete cores do espectro.
Pingas de chuvia;
raiolas solares,
do pincel ao reflexo,
ingredientes dabondo
para un novo lenzo.
Arco de cores
nomes diversos.
Arco de lendas
augurios nos tempos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Trócase o tempo
chega máis cedo a noite,
dúas veces nas dúas
as campás no seu redobre,
coma nun pesadelo dobre.
Non sei que dirá o tempo
dos minutos que lle rouben,
na vida non é que sobren.
Ao corpo fáltalle tempo
entre soños esquecidos
e a mente vai buscalos
aló onde os tempos perdidos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Follas molladas
xacen no chan,
follas arrichadas
mostrando a súa beleza
á espera do seu final.
Os sons das campás da igrexa
 alguén houbo de finar,
vidas que rematan
tralo seu peregrinar.
Día de chuvia escuro
 cheo de ventadas,
 máis tristeiras as despedidas
e máis frecuentes as bágoas.
Unha gaivota loita
por saír das revoltas augas
e leva no bico un peixe
que antes moi ledo nadaba.
Pura conxunción de feitos
e de vidas rematadas;
día gris, día agoireiro,
día de chuvia e de mágoas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Nunha época de reconversións
obrigaron a implantar un veto
para limitar a nosa terra
a crecer e a ter proveito.

Houbo moitas rescisións
moitas cartas de despido
e para Galicia foi castigo
aquela obreira revolución.

Onde van aqueles tempos
de botaduras Arteaga,
de traballadores na grada,
de estachas e fortes ventos?

Vai hipócrita trangallada
iso de vetar estaleiros,
vaia mentira especulada
e vaia merda que nos dixeron.

E inda seguen
vetando e impoñendo
xogando coa vida
e coa fame dos nenos.

E os dirixentes do pobo
cada vez fan menos,
nin loitan, nin reclaman
para a terra os seus dereitos.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


A pouco vaise o verán,
achégase o equinoccio outonal
e os turistas xa se van.
Volven as nubes ao ceo
se é que se foron
 nalgún momento,
volven os cativos
 aos patios do recreo,
até o frío que vai
 xa nos está envolvendo.
Xira e xira a roda da vida
non para nin frea,
outra estación repetida.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Néboa de verán,
húmido e persistente orballo,
un día de inverno
no medio do ano.

Un día sen sol,
un día pouco claro
de nubes escuras
que están descargando.

Día sen sombras
que non van camiñando
o sol que as debuxa
estase agochando.

Día de chuvia miúda
decote mollando.

E os sentidos nosos
vanse refrescando.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Agora chove, agora non,
para uns é terrible
e para outros é bo.
Depende coma se mire
depende a quen lle convén,
o normal é que a terra beba
sen que o impida ninguén.
O normal é que a auga limpe
e depure a sucidade toda,
que molle as follas espidas
e clarexe un pouco as rochas.
E a area da praia
xa secará cando o sol saia.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Uns esperan calor que ferve
e outros frescor ou frío, 
uns desexan brisas febles
e outros ventos con moito brío.
Mentres uns claman para que chova
outros gozan da auga toda, 
a uns gústalles queimarse o sol
e a outros ao carón da sombra.
Haiche que non quere chuvia
e hai quen se molla e se molla
pois dálles igual o que veña
na súa pechada cebola.

Sae o sol e chove,
a vida reparte ao gusto
e fai o que pode.



Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


O día está escuro
na casa ficamos,
na casa quentiños
mirando para a ría
e para as ondas do mar.
As pólas dás árbores
sométense o vento
escóitase ao ar zoar.
A chuvia repenica
nos vellos tellados,
e ti e máis eu deitados
escoitando ao tempo pasar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao




Desexos ao longo dun ano
novos sentimentos virán
novas penas, novos enganos
novos soños para alcanzar.
Novas metas, novos retos
novos sentires chegarán
novos gustos, novos sustos
novos ánimos inquedos
novas bágoas por chorar.
Novos sorrisos, novas ledicias
nova vida por fabricar.


Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao

inicio
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb