Demos, bruxas e diaños,
monstros e maléficas figuras,
banqueiros e personaxes estraños,
no Entroido das caricaturas.

Fadas, elfos, ananos,
liberais monxas e curas,
disfraces dos seres humanos
experiencias e aventuras.

Disfraces de franciscanos,
loucos con armaduras,
caros disfraces venecianos
sardiñas nas sepulturas.

Xuíces, ministros, decanos,
coches con estruturas,
libertinos e puritanos,
corruptos, sobres e facturas.

Disfraces de tolos tiranos,
políticos e nomenclaturas,
rudos mafiosos urbanos
cancións, retrancas, literaturas.

Tradicións de todos os anos
rirse das malas venturas,
surrealismos metropolitanos
bromas, risos e travesuras.

Cigarróns, formigas e fulanos,
peliqueiros, felos, tinturas,
damas e xenerais veteranos,
mecos, galáns, látego e quenturas.

Pantallas, charrúas, partisanos
vergalleiros e troteiros, picaduras,
murrieiros, mandamitos galanos
falcatruadas de cores e mesturas.

Caldo, cocido, sabores marianos
lacón, chourizos, xantares, farturas
torradas e filloas, doces galicianos
tradicional goce de boas tomaduras.

Poesía Creada por © Xurxo M. Gago Chao























Queimadas na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega no Seixo, Mugardos (A Coruña)

Fotos by Xurxo Gago Chao
Nikon D3100




Teño a punto o meu paquete
 de farrapos para queimar
para botar fóra as meigas
nesta noite de San Xoán.
Saltarei a lumieira
queimada ei de tomar
despois dalgunha sardiña,
cachelos e, un pouco de pan.
Quizais haxa algún gaiteiro
que lle dea por repenicar
e ao mellor un tamborileiro
que saiba ben levar o compás.
E xa estará a troula montada
xunto á moita cachelada
e á moita alma purificada,
non se poderá pedir máis.
Non quero dar un gran brinco
tanto non quero brincar
pois cando descenda a terra
unha lumarada espera
por non saber voar,
e pódome queimar
caendo directo á cachela.
Teño as flores preparadas,
orballadas e en remollo,
pola mañá xa as collo
e con elas heime lavar.
Recenderei a frescura
e a flores da natura,
a cara non poderei secar.
Calquera mal pode limpar
a curandeira auga das flores
da máxica noite de San Xoán.

Poesía by Xurxo Gago Chao


Xa se preparan as uvas
para o ben de quen as tome
sendo cada uva un desexo
ata chegar ata as doce.
Xa se preparan candeas
para que as mesas decoren.
Xa se axustan os reloxos
para marcar  medianoite.
Xa é hora do novo ano
pois ao vello venlle a morte.
Xa esperan novas vivencias
e novos refugallos de sorte,
novos cambios e novos rumbos
sen perder de vista o norte.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Anda a repartir castañas
un home de barba poboada
coa roupa desaliñada
e unha cara redondiña,
anda a palpar as barrigas
das nenas e dos nenos
para a súa ledicia.
Sabe de mociños
que non comen moito
e déixalle nas mans o froito
para que poidan engordar,
quere que coman detodo
pois fiunchiños poderían quedar.
Perderase na noite
o chamado Pandigueiro
e co seu bastón lixeiro
botará a andar e andar
na busca de noviñas vidas
as que poida palpar.
O apalpador de barrigas
chega xunto co nadal.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

 

Dende séculos pasados
panxoliñas de Nadal
unha herdanza galega
de músicas e cantar.
Músicas da terra,
panxoliñas para cear.

Din que deus é galego
que dende Galicia
fixo o mundo enteiro
ao son da gaita
e ao compás do pandeiro.

Logo enviou un santo
nunha barca de pedra
para que a xente galega
fixera unha catedral.

Fixo de Galicia un reino
ao que non deixaron reinar
e agasallounos coa fala galega
cun  sentir que é un cantar,
 deulle as panxoliñas tenras
para adourar e para aledar.  

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao




Rituais en noites máxicas,
amuletos, sortilexios,
un sen fin de desexos
nas puras noites de maxia.
Candeas que se consumen,
chamas que nunca se apagan.
Foto que ilumina o lume
da persoa querida e finada.
Rituais de lembranzas,
noites de agarimos,
reencontro das almas
dos mortos e dos vivos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Ábrense as portas do misterio
na noite escura do Samaín
camiñan as ánimas entre mundos
nunha procesión sen fin.
Óense sons penetrantes,
vense morcegos voantes
e hai máis dun susto sutil.
As cabazas lumieiras
proxectan e alumean,
guían ao espírito
para que non se perda
fan máis misteriosa a noite
 do que xa era.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Xa falan do nadal
no medio dos magostos
e inda falta o Samaín
e o día dos santos todos.
Xa comezan a agobiar
e a consumir como tolos
cara ao centro comercial
apreixados coma polos.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Palabras herdadas,
costumes pagáns,
topónimos antigos
en terra singular.

Cantan os cantigueiros
de mortos ou de vivos,
unha cántiga, un cantar.
Unha cántiga, un xograr.

Cántiga palabra celta,
unha copla trobadoresca.
Cántiga de amor,
cántiga de arrolo,
cántiga da terra.
Cántiga de escarnio,
cántiga de amigo,
versos ó canto
 dun modo satírico.

Cántiga, cántiga, cántiga.
Cántiga, cántiga, cántiga
Cántiga galega.


Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Camiña o romeiro
no seu máxico camiño
na compaña dós espíritos queridos
peregrinando a San André de Teixido.
Apoiase no seu bastón.
Ten máxica paisaxe
ata chegar o seu destino,
cos pés fundidos
pero de coraxe enchido
na súa peregrinación.
Centos de bechos
pode que almas reencarnadas
peregrinan cara santo
para sentírense liberadas.
Camiño vello cheo de mámoas,
de círculos líticos
e menhires en chairas.
Coidado cos mouros,
xigantes, e ananos
que vixían tesouros
nos bosque lendarios,
pois fanlle aos romeiros
feitizos varios.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

É noite irmandiña
na terra miña
asáltase o castelo da tiranía,
chegan os irmandiños
coa súa algarabía,
é noite de fachos e de xustiza.
Castelo ardente,
queimada fervente,
música da terra
liberdade no ambiente.
Unha doce noite enxebre,
sentires dunha terra alegre.

  Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Dálle a túa gorxa unha boa aturuxada
no medio da troula e da pandeirada.

Haiche quen non da feito
o de aturuxar con xeito!

O aturuxo é artesanal,
haiche quen berra ben
e haiche quen berra mal.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

 

Teño as flores preparadas,
orballadas e en remollo,
pola mañá xa as collo
e con elas heime lavar.
Recenderei a frescura
de flores da natura,
a auga limpa na cara
que non poderei secar.
Quitaranme calquera mal
a auga das máxicas flores
da noite das moitas cores,
da noite de San Xoán.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao
inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb