Neste día de chuvia miúda
xa comeza a andadura do inverno,
o silencio da tarde xa o espera
entre as gotas de orballo preguiceiro.
Neste día calmado de ventos
despídese o outono froiteiro
deixando no chan dos bosques
alfombras de follas e froitos xa secos. 

Xa chegan coa noite máis longa
moreas e moreas de ilusións
 multitude de dispares desexos
mentres xira a roda da vida
sen acougo e sen complexos.

 Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Nos días dos ánimos mornos
esquívanse as pucharcas
polos contornos
e líbranse os pes
de semellantes bochornos.

Nos días dos ánimos febles
písanse as pucharcas
móllase a metade do corpo,
culpa é do ánimo
e dos seus trastornos.

Nos días dos ánimos xoviais
tanto teñen os adornos;
non importa empapados ou secos,
nin a chuvia nin os ventos,
nin os pasados remotos,
apreciase a vida de todos os modos.


Poesía Creada por Xurxo M. Gago Chao 


Follas molladas
xacen no chan,
follas arrichadas
mostrando a súa beleza
á espera do seu final.
Os sons das campás da igrexa
 alguén houbo de finar,
vidas que rematan
tralo seu peregrinar.
Día de chuvia escuro
 cheo de ventadas,
 máis tristeiras as despedidas
e máis frecuentes as bágoas.
Unha gaivota loita
por saír das revoltas augas
e leva no bico un peixe
que antes moi ledo nadaba.
Pura conxunción de feitos
e de vidas rematadas;
día gris, día agoireiro,
día de chuvia e de mágoas.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Vaia sol sucedáneo,
vaia calor estraño
o que estamos a sufrir,
resístese a chuvia a saír.
Baléiranse os ríos,
sécanse os encoros,
saen brétemas espesas
que moi cedo cubren todo.
O frío que vai pola mañá,
e que ben do norte,
pasa a ser calor ben forte tralo serán.
Vaia estraño outono que vai!
A caprichosa natureza
o que a ela lle apeteza fai.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Néboa de verán,
húmido e persistente orballo,
un día de inverno
no medio do ano.

Un día sen sol,
un día pouco claro
de nubes escuras
que están descargando.

Día sen sombras
que non van camiñando
o sol que as debuxa
estase agochando.

Día de chuvia miúda
decote mollando.

E os sentidos nosos
vanse refrescando.


Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Agora chove, agora non,
para uns é terrible
e para outros é bo.
Depende coma se mire
depende a quen lle convén,
o normal é que a terra beba
sen que o impida ninguén.
O normal é que a auga limpe
e depure a sucidade toda,
que molle as follas espidas
e clarexe un pouco as rochas.
E a area da praia
xa secará cando o sol saia.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao


Uns esperan calor que ferve
e outros frescor ou frío, 
uns desexan brisas febles
e outros ventos con moito brío.
Mentres uns claman para que chova
outros gozan da auga toda, 
a uns gústalles queimarse o sol
e a outros ao carón da sombra.
Haiche que non quere chuvia
e hai quen se molla e se molla
pois dálles igual o que veña
na súa pechada cebola.

Sae o sol e chove,
a vida reparte ao gusto
e fai o que pode.



Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



De súpeto a lostregada.
Soan tronos no mes de maio
para lembrarlle o humano
que non é nada, ante o raio.
Nubes escuras descargan
chuvia miúda molla de carallo.

O día torna a escuridade.
Algúns seres vivos dormen
pensando que xa é noite
ao faltarlle a claridade.
E a chuvia limpa
toda a sucidade.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao

O día está escuro
na casa ficamos,
na casa quentiños
mirando para a ría
e para as ondas do mar.
As pólas dás árbores
sométense o vento
escóitase ao ar zoar.
A chuvia repenica
nos vellos tellados,
e ti e máis eu deitados
escoitando ao tempo pasar.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao



Está o ceo nubrado
e chove sobre mollado.
Culpa do trasno nubeiro
repartindo treboadas,
o trasto das trasnadas.
A chuvia mollando
mentres el ri dos mollados
bota lóstregos a cada canto
e rise mentres vai lostregando,
e berra, e cada berro é vento laiando.

Poema creado por Xurxo M. Gago Chao

inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb