Vender como progreso a gran industria no medio dunha ría poboada é hipocrisía. Querer gabar a historia dunha cidade porque durante centos de anos fose utilizada para a construción naval, é hipocrisía. Non querer ver outras vías de progreso que non sexa a construción naval, é hipocrisía. Querer manter unha regasificadora nunha ría, poñendo en perigo a un amplo núcleo de poboación ao seu redor, poñendo de escusa a perda de sesenta e cinco postos de traballo contra un núcleo de poboación de máis de oitenta mil persoas, é hipocrisía. E niso estamos, rodeados de hipocrisía. 

Hoxe en día os hipócritas afirman que é progreso facer barcos de guerra nos estaleiros ferroláns, venden como progreso e carga de traballo unha encarga de barcos para Arabia, por exemplo. [Modo retranca ON: un país exemplar, que ten cartos, que vai utilizar eses buques para manter a paz no mundo. Modo Retranca OFF.] Os hipócritas venden como progreso horas de traballo e soldos para moitos obreiros poñendo por diante isto a calquera circunstancia negativa que afecte á sociedade, hipocritamente o importante é a carga de traballo e non para quen se traballe, nin de onde veñan os cartos. Iso chámase egoísmo, egoísmo hipócrita. 

Os hipócritas non dan pé a outras alternativas para o futuro ferrolán, facer buques e buques, buques militares, especialidade da empresa. Buques dos que lanzan mísiles e matan xente, xente que comeza a morrer e a ter data de caducidade dende o primeiro momento no que se entregan. Buques e cartos; cartos e buques, buques, cartos e carga de traballo, buques, cartos, carga de traballo, xogos de guerra, mortes, todo igual a hipocrisía.

Os hipócritas venden como progreso estaleiros para a construción de buques de guerra na nosa ría ferrolá; no Sinus Artabrorum, no golfo ártabro, un lugar con vestixios do progreso de antano como a desleixada Vila de Noville. En Noville, na ría ferrolá, durante os séculos III e IV houbera progreso. Houbo progreso na ría ferrolá moitísimo antes dos impostos estaleiros dos reis españois, quen secuestraron a nosa ría para o comezo das súas guerras imperialistas séculos despois. A ría ferrolá era un verxel moito antes de que esta acollese aos estaleiros reais, a ría ferrolá era unha ría naturalmente depurada, un viveiro de marisco e peixe, un paraíso para os habitantes que poboaban os seus redores. Antes da chegada dos impostos estaleiros imaxino Ferrol como unha pequena aldea dependente de si mesma e chea de recursos aos que recorrer en caso de necesidade. Imaxino unhas augas limpas e libres de metais pesados e de plásticos. Imaxino á xente do lugar saíndo ao mar en pequenas embarcacións improvisadas de madeira, imaxino tráfico de pequenas embarcacións cruzando de banda a banda a ría. Toda aquela abundancia; todo aquela tranquilidade de vila pequena, comezou a minguar no momento da chegada dos ilustres iluminados do centro da península ibérica, tan doutos e intelixentes eles, tan inxenuas as xentes ferrolás da época, por prestárense a seren usadas como man de obra barata. Hoxe en día continua a ser así. Segundo afirman algúns interesados historiadores, os habitantes da zona deberan dar as grazas de que a ría ferrolá fose elixida como base naval e como berce dos buques da armada española. [Modo retranca ON]: Quizais deberiamos darlle as grazas a aqueles reis, nobres e militares  iluminados por contribuír, permitir e consolidar, a contaminación durante tantos anos e séculos da nosa ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas por non permitir outro progreso que a creación de buques para guerras coa escusa da defensa da patria. Quizais deberiamos darlles as grazas, por exemplo, ¿por matar xente outrora en nome de España con buques feitos en Ferrol?, ¿por ser Ferrol unha base naval da OTAN co perigo colateral que pode supoñer para a cidade en caso de conflito?, ¿por depender de Madrid a clase obreira ferrolá? Deberiamos dar as grazas por non poder aproveitar todos os recursos que ofrece unha ría limpa, depurada, libre de vertidos e metais pesados? Quizais, todos os ferroláns e as ferrolás, deberiamos darlle as grazas a esta xente imperialista por facer da nosa cidade o berce de onde partiron moitos buques para dar morte a xente inocente. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por encher de metais pesados as nosas augas durante séculos e por botar millóns de vertidos ás augas da nosa ría, por contaminar as nosas augas e ás especies que nelas viven. Quizais, tamén, deberiamos darlle as grazas por contaminar o marisco e o peixe da nosa ría e darlles as grazas por toda aquela persoa que enferma co tempo por consumir produtos contaminados da ría ferrolá. Quizais deberiamos darlles as grazas a todos aqueles que con moitos enredos presuntamente corruptos conseguiron instalar unha regasificadora no medio da nosa ría e por proporcionar emprego a máis de sesenta persoas e poñer en certo e razoable perigo a outras oitenta mil. Quizais deberiamos dar as grazas a todos os buques militares que pasaron pola ría de Ferrol e a todos os que a ría ten coma inquilinos na base naval ferrolá, quizais deberiamos darlles as grazas a todos eles por verter merda ao mar da nosa ría durante moitísimo tempo; quizais, tamén, deberiamos dar as grazas aos militares que se cren donos dela en todos os sentidos. Quizais deberiamos darlle as grazas a todas as autoridades que mostran desleixo cara a depuración da ría e cara a un verdadeiro control de vertidos na mesma. Quizais deberiamos comer merda que está máis fresca! [Modo retranca OFF].



Considero de vital importancia para o futuro de Ferrol a finalización da construción naval de buques de guerra na ría, deberíase abrir á empresa nacional cara ao progreso da produción e da innovación limpa, camiñar cara a autosuficiencia enerxética do planeta, procurando novos mercados e novas producións innovadoras que permitan aumentar o emprego entre os habitantes de Ferrol. O caso é querer, o caso é que Ferrol queira e decida por si mesma, sen deixar que decidan os dos uniformes, os do centro, os dos xogos de guerra, os que teñen secuestrada a nosa ría para que non progrese. E o caso é que esperten os peóns que non queren ver outra alternativa que a de facer os buques de guerra que lles mandan sen mollarse a esixir novas alternativas, outras cargas de traballo. Cargas de traballo si, pero, ¿que carga?, ¿para que?, ¿de quen?, ¿que progreso trae a cidade?, ¿cartos tan só?, ¿meses de subsistencia quizais?, ¿e logo?, ¿máis buques?, ¿máis guerras?, ¿máis mortes?, ¿máis manifestacións para novas carga de traballo? Máis contaminación para a ría? E o progreso? Onde está?

Considero vital afastar a regasificadora do núcleo de poboación, que regasifiquen fóra, no porto exterior, tal e como ofrecía o proxecto inicial antes da suposta ou presunta cadea de corrupcións que levaron a aloxala no mesmo medio da ría ferrolá. O demais son escusas hipócritas de xente interesada. 

Ferrol debería esixir ao estado español a devolución dos territorios ocupados, máis dun 20 % do territorio total ferrolán. Ferrol debería solicitar a devolución de todas as instalacións militares ocupadas na cidade e tería un amplo abano de oportunidades para poder progresar de verdade. Ferrol ten secuestradas as súas fiestras ao mar, o pobo ferrolá debería esixir a súa devolución e non prestarse ao xogo do propio estado que tenta facer negocio coas propiedades en desuso, non as devolve se os ferroláns non soltan cartos, cando aquelas propiedades foran requisadas no seu momento. A nosa terra asoballada, maltratada, sempre utilizada para o ben do poder centralista e para o mal dos seus habitantes. 

Considero vital o funcionamento óptimo das depuradoras na ría, a posta en marcha de viveiros de mariscos, a restrición da circulación de buques de gran tonelaxe, a creación de cooperativas e plataformas cidadás para organizar a repartición e a explotación das moitas zonas marisqueiras que podería xerar a ría unha vez depurada na súa totalidade. Imaxino un bo   progreso, un progreso san e acorde co medio no que vivimos, sen perturbalo innecesariamente coa escusa de que non hai outra maneira de progresar. Temos unha ría preciosa que ben coidada e organizada podería chegar a ser “aquel verxel” de recursos para todos os habitantes de Ferrolterra.


Porén, de aquí a dez anos, se isto non cambia, imaxino que o marisco desaparecerá da nosa ría; que as manifestacións continuarán nas rúas para esixir carga de traballo, que os buques militares seguiran circulando polo Sinus Artabrorum, que gaseiros inmensos frecuentarán a nosa ría coa ameza que supón para a cidade. Imaxino que a ría ferrolá ficará cada vez máis perturbada. Supoño que ninguén antes imaxinou que, un día calquera, un descomunal buque estrutura, ía partir pola metade a ponte das Pías, pero sucedeu. A prensa ferrolá gabou recentemente a entrada, cara á regasificadora, do buque de maior eslora que entrou na nosa ría. Sigan gabando señores, sigan xogando, que igual un mal día toca, e vós, seredes cómplices dos culpables. 

O caso é que os hipócritas non queren ver, sempre son os abandeirados da razón, e coa bandeira da razón hipócrita o progreso verdadeiro nunca chegará a Ferrol.

Escrito de opinión creado por © Xurxo M. Gago Chao
































Monumento ao Camiñante Descoñecido
Parroquia de Barallobre, Concello de Fene. [A Coruña]
Fotografías realizadas por © Xurxo M. Gago Chao
Nikon D3100

====================================

O Camiñante Descoñecido

O primeiro de xullo de 1934 festexouse por todo o alto en Barallobre. Inaugurouse naquel dia o Monumento ao Camiñante Descoñecido.

Don Ramón Otero Pedraio participou naquel acto. A súa ubicación orixinal estaba ao pé da estación do ferrocarril. Alí, nun campo de fútbol celebrouse toda a festa. Viñeran os exploradores de Ferrol que durmiran xa a noite anterior en Barallobre. Achegáronse 4 autobuses da Coruña cunha expedición ao fronte da que figuraba o presidente de Amantes do Campo, Manuel Insua. O Monumento ao Camiñante Descoñecido trasladouse en maio de 1984 para a súa ubicación actual, co obxectivo de permitir a eliminación do paso a nivel da via do tren. Naquel momento engadíronselle uns bancos adicados a Castelao, Vilar Ponte e Pérez Parallé; posteriormente se lle adicou outro banco a Bieito Cupeiro.

O "Monumento ao Camiñante Descoñecido", Barallobre, na súa antiga ubicación, preto da Estación do tren. A fotografía é do ano 1934, pouco despois da súa inauguración e foi restaurada.



Máis Información/Fontes:


Están a rachar os fíos da concordia
por mor das guerras das razóns,
nas batallas dos hipócritas egos
disparan medo e imposicións.
Queren aniquilar memorias
arrasar coas linguas e as tradicións
hai exércitos que se din perfectos
con imperfectos e inhumanos corazóns.
Hai errados convencementos,
necias argucias e manipulacións,
enganos neste negro tempo,
tempo de cínica terxiversación.
As verdades fican secuestradas,
as democracias padecen opresións,
xa son delito as sinceras palabras,
xa case dá medo manifestar opinións.
Hai malvados labregos de discordias
e manexables rabaños de cartón,
seres dormentes hipnotizados
esperando que lles dean instrucións.
Derrétese a democracia de xeo,
non era máis que unha ilusión,
vivimos nunha cárcere de ferro
baixo o podre teito da Constitución.

Poesía creada por Xurxo M. Gago Chao


Laura atopouse freando de súpeto o seu automóbil tras divisar unha luz branca que cruzou a estrada pola que circulaba nunha noite escura. Nun principio pensou nun animal, pero nada xacía diante do seu coche, cruzado no medio dunha curva. Asustouse. Quedou petrificada observando como as luces dun gran vehículo se lle achegaban a gran velocidade. Non o soportou, desmaiouse. O coche de Laura ocupaba os dous carrís. A muller tiña o seu corpo inerte e a cabeza apoiada no volante.

O camioneiro pouco puido facer para non chocar contra o coche. O último que viu, grazas as luces, foi que non interior do coche había unha muller loura coa cabeza apoiada no volante. Nada puido facer para evitar tal envite. Finalmente arroiou o coche e desprazouno varios metros e depositouno na beira da estrada.

Tras un breve silencio se escoitou abrir a porta do camión, saíu o condutor cambaleándose mentres se dirixía cara ao coche para intentar rescatar á muller. Sorprendeuse tremendamente ao observar que non había ninguén no seu interior. Os cristais das ventás da parte dianteira estaban intactos, polo que non era posible que saíse disparada a súa ocupante. Realizou un rastrexo visual pola zona, buscando a alguén malferido, pero ninguén había nese lugar ademais del. Decidiu chamar á policía para aclarar o sucedido.

O camión, cruzado na estrada, foi rexistrado a fondo por cinco gardas, mentres outros tantos precintaban o lugar. O chofer achábase sentado nun coche patrulla, dous axentes de paisano interrogábano mentres consultaban os seus datos persoais pola radio. O condutor do camión sentíase apesarado e sorprendido. Nunca lle sucedera tal cousa. Onde estará esa muller?, pensaba.

Os gardas cansaron de buscar polas inmediacións sen atopar nin un rastro da muller desaparecida. Sabían que era ela porque encontraran a documentación no interior do vehículo, pero, polo demais, nada de nada. Algún dos gardas chegou a dubidar do condutor dicíndolle que todo aquilo parecía unha montaxe. Pero de montaxe nada.

Fíxose o día, unha grúa encargouse de retirar o coche e levalo ás dependencias policiais, e comezou a levarse a cabo unha investigación. O condutor do camión sinistrado foise para a súa casa coa sensación de ter sufrido algún tipo de suceso paranormal. Pero iso non llo dixo aos gardas por medo a que o tomaran por tolo.

Laura espertou sobresaltada. Vaia sono tivera! Mesmo suaba. Sooulle o teléfono, era a policía. Comunicáronlle que o seu coche sufrira un accidente. Preguntáronlle se sabía algo diso, pero ela non soubo que dicir. Os axentes informárona de que en breve se presentarían na súa casa para interrogala sobre a situación do vehículo. Ela, unha vez rematada a conversa, asomou á ventá e comprobou que o seu coche estaba aparcado fronte ao edificio, tal e como o deixara o día anterior. O certo é que pensaba que o pesadelo fora moi real.

Estaba nerviosa mentres paseaba por toda a estancia do seu salón, e púxose inda máis cando chamaron á porta, eran os axentes da lei. Nada máis abrir, presa dos nervios e a tensión, padeceu un síncope e derrubouse, caendo no chan diante dos gardas.

-       - O seu coche apareceu escangallado … [Comentáronlle os gardas unha vez que se repuxo do esvaecemento].

Informárona de todo, e de que non foron quen de obter outras pegadas que non fosen as dela. O que indicaba que tan só ela estivera no vehículo. Propuxéronlle acudir á comisaría para falar co condutor do camión, e alí, o condutor tan só recoñeceu a súa melena. Laura non podía máis, e ao non ter respostas ás preguntas dos axentes decidiu contarlles o seu pesadelo, cuns  detalles que confirmaban a versión do camioneiro. Relatoulles o seu soño, contoulles que algo se lle cruzou na estrada e que para esquivalo tivo que manobrar, ao facer unha brusca manobra calándoselle o coche no medio do dous carrís, e que ao ver as luces do camión achegarse desmaiou. Díxolles que o seguinte que lembraba despois diso era espertar sobresaltada na cama da súa casa tras escoitar o son do teléfono.

Os axentes non podían crer o que estaba a pasar. A muller que afirmaba que todo aquilo foi un pesadelo. O camioneiro que chocou contra o coche da muller. O coche sinistrado é o coche da muller, pero o mesmo coche, resulta que tamén se atopaba aparcado fronte ao edificio onde reside e en perfecto estado. As indagacións dos axentes levounos a confirmar que o coche sinistrado é o mesmo que o coche que está fronte á vivenda de Laura. Os dous coches parecen ser exactamente iguais, coa mesma matrícula e o mesmo número de bastidor, algo incrible. Laura non vai dar parte ao seguro porque en teoría o seu coche está intacto. O camioneiro a preguntar como ían saír daquela situación.
Laura chegou á conclusión de que sufriu algún tipo de teletransportación no momento previo á colisión co camión. Aquilo salváralle a vida. Estaba convencida de que aquela luz esbrancuxada coa que se atopou tiña algo que ver co asunto. Pero como ía contar iso á policía? Que ían a pensar dela? Un burato de verme?  Unha porta ou oco dimensional?

Como Laura non puido demostrar que non estaba no seu coche aquela noite, tivo que facerse cargo dos gastos e das multas correspondentes polas diferentes infracción incorridas antes do impacto co camión. Algo inaudito, se valoramos, que tras a forte colisión debera ter algún tipo de lesión corporal. En troques se atopaba en perfectas condicións físicas. Fose o que fose, a lei non atende a contos paranormais. Mellor ser teletransportada e, pagar os gastos que fosen, que perecer baixo os ferros do coche.

© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao



No ano mil novecentos noventa comeza a Escola Obradoiro Pedra e Mar, cun curso do INEM de seis meses de duración, no centro de A Gándara (Ferrol), no que se instruíu a cincuenta xoves en distintas materias e teorías das distintas especialidades, antes de comezar a etapa de traballo na estrada baixa do porto de Ferrol cun contrato de aprendiz, e onde estaba proxectada a construción dunhas naves para afrontar a construción dun muro de pedra de cantaría, forxa e albanelaría, para pechar e limitar o aceso ás instalacións portuarias da estrada mencionada. Tamén, proxectouse a actuación en diversas praias de Ferrolterra para conservar as dunas e colocar diversos paneis informativos sobre as correntes das zonas en cuestión, algo que correspondeu á especialidade de medio ambiente.

Eu formei parte da especialidade de Forxa, onde aprendín as artes e o oficio da man do experimentado ferreiro Don Vicente Leirachá. Dende o ano mil novecentos noventa até xullo de mil novecentos noventa e dous formeime como ferreiro. Inda que, antes de comezar a construción da verxa forxada, tivemos que construír a estrutura metálica das naves que acollerían as especialidades de forxa, cantaría e albanelaría. Ademais, entre todas as especialidades restauramos os distintos edificios que acollerían as aulas e as oficinas e despachos de dirección. Con todo, saneouse aquela zona vella do porto e converteuse durante ano e medio nunha escola obradoiro, nunha zona revitalizada e dinámica na que se formaron cincuenta persoas en diferentes especialidades.

 

Moitas das pezas da actual verxa forxada foron traballadas por min, moitos puntos de soldadura e, algún cordón tamén. É un orgullo a día de hoxe observar a verxa cada vez que circulo pola estrada baixa, e cando iso pasa, veñen as lembranzas sobre aquel tempo traballando como ferreiro aprendendo do mestre Leirachá. Tamén é certo que aprendín moito dos compañeiros e compañeiras cos que coincidín e dos mestres e mestras que tan ben se aplicaron con nós.


O proxecto consistía en pechar a estrada baixa até a porta do tren, pero o período asignado á escola obradoiro finalizou sen que se conseguise o obxectivo. Polo tanto; a Xunta do Porto de Ferrol, decidiu nos animar, a uns cantos de nós, das especialidades de forza, cantaría e albanelaría, a nos xuntar nunha cooperativa limitada para nos conceder a contrata dos tramos de verxa forxada que faltaban por facer. Finalmente, constituímonos como cooperativa especializada en obras en xeral de cantaría, albanelaría e forxa e encargámonos de continuar o peche da estrada baixa do porto até a porta do tren. E así foi, conseguimos un contrato profesional de operarios de terceira, de seis meses de duración, e comezamos a traballar tendo á nosa disposición as mesmas naves que foran utilizadas cando a escola obradoiro.


Neses seis meses; convertémonos en todos uns profesionais dos distintos gremios e, con esforzo e bo facer, fomos achegándonos ao final do traballo, completando todos os tramos restantes. Conseguimos cubrir boa parte da estrada baixa de muro de pedra de cantaría e de verxa forxada nas mesma forxas construídas nas naves levantadas polo alumnado da escola obradoiro. Toda unha verdadeira historia de progresión profesional e de bo facer, tan bo, que a día de hoxe alí seguen as verxas e os muros a presidir a face máis vella de Ferrol Vello.


Como anécdota, mencionar que, as autoridades portuarias daquela época prometérannos a colocación dunha placa conmemorativa, preto do último tramo de verxa, onde figurarían os nomes de todos os albaneis, canteiros e ferreiros que participamos no peche da estrada baixa do porto de Ferrol, que levaba máis de oito anos pechada á circulación. Pero, por desgraza e para confirmación de que as promesas as leva o vento, a colocación da placa mencionada nunca se produciu.

Queda en nós o orgullo de participar naquel proxecto, e anos máis tarde, xa con fillos e fillas, poder lles ensinar o resultado perdurábel no tempo daquel grata experiencia formativa laboral.

 
Despois da finalización da obra, a nosa Cooperativa Construnor S.L., desfíxose por falta de perspectivas, xa que non íamos ser capaces de competir nos concursos con empresas con mellores medios e recursos que nós, tales como Abeconsa e Dragados, entre outras. Polo tanto, moitos dos integrantes da cooperativa tomaron outros camiños, e ao final, cada un de nós aventurouse a outros retos laborais poñendo fin a aquela aventura empresarial.


Comentar, que a poucos metros de onde traballei durante aqueles anos, naquela estrada baixa do porto, morría a miña bisavoa Leocadia, peixeira atropelada por un autobús da Armada Española un negro día do mes de agosto do no ano mil novecentos sesenta e tres, mentres camiñaba cara a Serantes empurrando o seu carro de rodas, que contiña varios cestos cheíños de sardiñas. A Peixeira Leocadia: http://www.galaicum.gal/2017/05/leocadia.html

A miña vida; os meus herdeiros, o meu destino, sempre ligado a Ferrol Vello…



© Relato creado por Xurxo M. Gago Chao

Tamén coñecido como:
Arco de lúas, arco do ceo, arco do trono, circo da vella, gancho da vella, marco da vella, marco das vellas, risco da vella, seña da auga, a ponte coloreada, as sete colores, arco de vella, arco das vellas, arco de vellas, arco das bruxas, arco das mozas ou arco das novas.

Refraneiro

Arco da vella,/ vaite de aí, que as nenas bonitas non son pra ti
Arco da vella a levante, fala ós bois para adiante.
Arco da vella, auga na terra.
Arco da vella, nin chove nin neva.
Arco da vella no levante, fala ós bois pra diante.
Arco da vella ó anoitecer, bo tempo ó amañecer.
Arco da vella ó levante, anda cos bois para adiante.
Arco da vella ó mediodía, chuvia pra todo o día.
Arco da vella ó poñente, antepón os bois e vente.
Arco da vella ó poñente, ceiba os bois e vente.
Arco da vella ó poñente, colle os bois e vente.
Arco da vella ó poñente, mariñeiro ¡alerta!
Arco da vella ó poñente, mariñeiro en pé.
Arco da vella ó poñente, recolle os bois e vente.
Arco da vella ó poñente, saca os bois e vente.
Arco da vella ó poñente, solta os bois e vente.
Arco da vella ó radiante, dálle ós bois para diante.
Arco da vella ó raiante, ¡ei, boi! ¡ei!, pra adiante.
Arco da vella ó raiante, afala os bois para diante.
Arco da vella ó raiante, fala ós bois e vente.
Arco da vella ó raínte, anda boi pra diante.
Arco de vella ó poñente, pícalle ós bois e vente.

Cantigueiro

Arco da vella,/ vaite de aí,/ que as mozas de agora/ non son para ti.
Arco da vella,/ vaite de aí, que as nenas bonitas non son pra ti.
Arco da vella,/ vaite de aí,/ que andan os porcos/ a fosar en ti.
Arco da vella,/ revolve na terra. / Col dido monín,/ que non chova por min./ Col dido polgar,/ que chova no mar.

















Arco da Vella encol do barrio de San Valentín, Fene. [Provincia da Coruña].
Fotografías realizadas por © Xurxo M. Gago Chao
Nikon D3100

anterior inicio seguinte
Hai motivos … Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che anime o día, un desexo, un paseo ou un cantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea alegría, unha boa melodía, un verso ou un xantar. Unha boa razón fonda e sentida, algo que che pete, ¿que máis dá?, algo que che dea enerxía, lembrar, reflexionar ou meditar, algo que te axudaría inda con chagas a camiñar, algo da túa porfía, dicirlle a vida: - Éche o que hai! Poema de Xurxo M. Gago Chao
tintero

© XURXO M. GAGO CHAO

O Nemetum do Galaicum



logoweb